Faro da Coruña, símbolo do presente

Son moi de faros. Coido que a maioría dos coruñeses definímonos partidarios desa cuestión, pero no meu caso -como no de tantos- a cousa duplícase, posto que son coruñés de orixe en Fisterra, ou sexa, teño a infinita sorte de presumir dunha identidade 100% atlántica, asentada en dous dos faros con máis nome do planeta. Ambos con ecos clásicos, de mitoloxía ou topónimo romano, ou antes.


De “antes” porque o que lles escribe viaxou bastante a Irlanda e visitou no Trinity College de Dublín -como turista, si- o gaélico ‘Libro das Invasións’, que no milenio pasado contou que a descuberta da illa verde foi grazas a que Breogán oteouna desde a Torre na Coruña, e mandou ao fillo a habitala (igual eran as Sisargas, pero bendito sexa o erro). Despois chegou o mito romano, con arquitectura. Todas estas historias prestan, fan desta cidade un lugar único, punto de unión civil -non relixioso- entre as culturas mediterráneas e atlánticas. Aprende, Compostela. Por certo, aquí non esquecemos que foi o santiagués bispo Xelmírez o que avalou o deterioro do monumento no Medievo, despois remediado pola Ilustración tan propia da Coruña, con sinatura de Eustaquio Giannini.


Cúmprense 15 anos desde que a Torre da Coruña foi denominada pola Unesco Patrimonio da Humanidade, un logro da cidade, que se uniu na súa pluralidade, tamén de goberno local, para conseguilo, co coruñesismo aberto como guía. Éxito que, como se lles contou nesta casa, tivo impulsores magníficos, que foron homenaxeados onte polo Concello e a alcaldesa Inés Rey. Falo de Jose Luis Vázquez Iglesias e Segundo Pardo-Ciórraga. Aplauso para eles.

 

Cúmprense 15 anos desde que a Torre da Coruña foi denominada pola Unesco Patrimonio da Humanidade, un logro da cidade


Cada un seguro que temos experiencias personais coa Torre. As miñas van desde ir ao seu pé a fumar cousas a finais dos anos 80 ata informar sobre ela con bastante coñecemento e difusión. Tamén saber que o meu problema de vértixe xa non me permite volver a subila, e que, a maiores, foi centro do marabilloso -e moi fisterrá- oficio de fareiro, ademais de símbolo do Mar, e do seu coidado, como vivimos dramáticamente en 1992, cando o Mar Exeo. Esa terrible catástrofe ambiental cuxa solución en Langosteira algúns que se din, con truco, “ecoloxistas” non aceptaron, xa que seica prefiren inventarse apocalipses no rural, que as urbes xa se sabe que somos o demo. En fin.


A Torre da Coruña estivo, está e estará aí sempre. Representación absoluta da cidade, que grazas á súa presenza gañouse para sempre a consideración de Faro da Modernidade en Galicia. O que somos. A urbe da tecnoloxía -o que era a súa instalación na época- e da identidade marítima. Quero ben ás outras, pero sei que as luces longas sobre o Atlántico sempre molarán máis como Patrimonio da Humanidade que os recintos de misas ou as murallas defensivas. Pola sinxela razón de ser A Torre un dos poucos monumentos históricos que sinalan ao futuro, non só ao pasado. Como somos na Coruña. 

Faro da Coruña, símbolo do presente

Te puede interesar