A fazaña emigrante de Fisterra

Morreu Chanquete. Non pola enésima reposición de Verano Azul, senón porque así chamaban ao mariñeiro fisterrán que se fixo célebre grazas a unha sensacional foto que, seguramente, el preferiría que non existira. Porque Chanquete, falecido esta semana e alcume de Juan Jesús Calo, era o rapaz que aparecía chorando co seu pai, que o mesmo facía, na imaxe icónica da emigración galega que tirou Manuel Ferrol no porto da Coruña, cando a súa avóa embarcaba cara América. Converteuse -case trinta anos despois do momento- na representación dun drama, o da emigración galega. Pero resulta que a nosa diáspora foi moito máis que iso. En realidade unha fazaña, aínda que o relato hexemónico -e conservador- non o conte así.


Os dous fisterráns que aparecen nesa foto non sempre se sentiron cómodos con ela. Por razóns que teñen que ver co tradicional pudor dos traballadores costeiros ou coa sensación de que había un negocio coa súa cara do que eles eran parte pasiva. Pero hai outra. O discurso negativo arredor desa icona non era exactamente o que se vivía por parte de moitos protagonistas. Obviamente, aquilo foi duro. Mais tamén naturalizado nunha localidade como a súa, de moita emigración pero tamén bastante orgullo polos que marcharon.


Eu serei ignorante en moitas cousas, pero de bares de Fisterra algo sei. A maioría deles están cheos de fotografías históricas. Porén, a protagonizada por fisterráns máis famosa da historia non me soa que estea en ningún, aínda que poida ser que se me escape algún caso illado. Con todo, o certo é que non ten alí a dimensión que se lle concedeu fóra. E non precisamente porque a emigración sexa un feito que Fisterra pretenda meter baixo a alfombra. Ao revés. Nada máis chegar ao centro da vila aparece o Monumento ao Emigrante, moi distinto ao que saíu da cámara de Manuel Ferrol. Nel, un home cunha maleta e un marco parece sacar peito namentres un texto envía amor para os galegos que están fóra. Unha visión orgullosa e cariñosa. A que se vive de xeito maioritario.


Tomando viños cos paisanos de Fisterra, a cuestión do exterior está sempre presente. Pides un albariño e ao arredor catro traballaron en Australia, un naceu en Arxentina, dous non paran de falar do ben que lles foi en fábricas xermanas e outro insiste nos seus contos de Irlanda cando as mareas do Gran Sol. Eu mesmo teño sangue desa tradición indómita. O mundo é noso alí onde a miña estirpre procede. A chorar a Cangas.


Porque limitar a emigración galega a un fenómeno horroroso é contar da misa a metade. Certo que tivo algunhas raíces tristes, pero tamén é verdade que estivo máis baseado no excedente de man de obra que na pobreza. E a capacidade que tiveron os nosos para percorrer o Atlántico e alí crecer, integrarse e impulsar a identidade galega forma un relato que ben debería ir eclipsando o mito dramático. Foi unha epopea. Contémola así tamén.

 

A fazaña emigrante de Fisterra

Te puede interesar