Nun mundo dixital ultra conectado, como é o que habitamos actualmente, as redes sociais están a redefinir como accedemos á información. Os algoritmos, ferramentas aparentemente neutrais, son responsables de organizar o contido que vemos, creando os chamados “filtros de burbulla”. Este mecanismo limita o acceso a informacións variadas, forzando a prioridade para aquelas que reforzan as nosas preferencias ou crenzas previas; e, faltaría máis, as que lle interesan á canle. En consecuencia, configúranse “cámaras de eco”, espazos nos que as ideas son amplificadas de xeito repetitivo, mentres que as visións discordantes son minimizadas ou directamente excluídas da rede.
Un exemplo paradigmático deste fenómeno, recen saído do forno, foi o papel dunha coñecida rede social nas eleccións presidenciais estadounidenses. Os seus algoritmos promoveron contidos que alimentaban determinadas narrativas políticas, contribuíndo a unha polarización crecente. Por outra banda, na traxedia das riadas no Levante español, as redes sociais actuaron como un altofalante emocional, difundindo informacións dramáticas que, en moitos casos, carecían de contexto ou precisión. Outras xa naceron falsas de raíz. Esta sobredose de contido emotivo avivou sentimentos colectivos de medo e indignación, impedindo unha análise crítica e ponderada da realidade.
O paradoxo destas plataformas, case que todas elas, é evidente. Concibidas teoricamente como ferramentas para democratizar o acceso á información plural, son agora actores clave nunha estrutura informativa dominada por intereses comerciais e políticos. Aínda que tecnicamente incrementan o acceso a múltiples fontes, o deseño dos algoritmos reduce a diversidade real. Cada clic ou interacción contribúe a unha burbulla cada vez máis estreita, illando aos usuarios nunha realidade virtual adaptada aos seus gustos, por veces moi desconectada coa verdade.
Os estudos sociolóxicos sobre este tema destacan que as nosas actitudes previas pesan máis que o nivel de coñecemento á hora de consumir ou compartir contidos. Ademais, factores emocionais, como o medo, a ira ou a indignación, teñen un papel crucial na promoción viral das novas.
Enfrontarse a este desafío precisa de accións públicas e tamén de comportamentos individuais. Por unha banda, é imprescindible demandar total responsabilidade e transparencia ás plataformas dixitais. Os algoritmos teñen que ser éticos e públicos, garantindo un acceso equilibrado e plural á información. Ao mesmo tempo, tamén debemos reflexionar sobre os nosos propios hábitos.
Este exercicio de revisión e mellora é crucial para construír unha sociedade máis informada e menos manipulable. Mentres non se regule a influencia dos algoritmos e non se fomente unha alfabetización dixital axeitada, o risco de que as burbullas informativas sigan dividindo á sociedade será unha constante. A batalla pola verdade non é só tecnolóxica; é tamén unha loita por recuperar a capacidade crítica, base indispensable para un sistema democrático real. O futuro depende diso.