iveron que pasar 16 anos para que Galicia puidera estar conectada con Madrid en alta velocidade. Esta semana poñiamos fin a dúas décadas de espera dunha infraestrutura que cambiará completamente a conectividade da nosa comunidade.
Foron moitos anos de obra e de previsións non cumpridas pero hoxe podemos ter a satisfacción de ser a primeira comunidade do norte de España que conta cunha vía de altas prestacións ininterrompida entre as principais cidades galegas. Por unha vez Galicia non chega a última ao tren do futuro.
Foron catro os gobernos que participaron na súa definición e construción máis foi o goberno de Pedro Sánchez o que lle deu o impulso definitivo para que poda ser xa unha realidade.
Desde onte mesmo os coruñeses poderán chegar a Madrid en menos de catro horas, acurtando en máis dunha hora o tempo de viaxe actual, e en 2022, aproximadamente durante o verán, poderán facelo en vinte minutos menos. Estou seguro de que o goberno de Pedro Sánchez cumprirá en tempo e forma coa cidade da Coruña, rematando a conexión ferroviaria que nos conectará con Madrid en tres horas e media, coa construción da nova estación Intermodal e tamén coa posta en marcha outros proxectos estratéxicos para o noso futuro como a licitación do tren a Langosteira.
Que Galicia estea conectada con Madrid en dúas horas multiplicará exponencialmente as nosas posibilidades económicas e turísticas xa que, segundo as previsións elaboradas, esta nova liña contará con máis de 1,3 millóns de viaxeiros ao ano.
O AVE abre un novo escenario de oportunidades para Galicia no sector turístico, económico e empresarial que nos toca optimizar e aproveitar. É importante valorar o importante traballo colectivo que se fixo para chegar aquí, pero sobre todo é o momento de poñer as bases, todas administracións e sectores económicos de forma conxunta, para facer que o AVE sexa unha peza estratéxica do futuro de Galicia.