Gañou A Coruña, gañou Galicia

A consecución da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial consolida A Coruña como o polo tecnolóxico de Galicia e sitúanos como referencia a nivel nacional e internacional ao ser a primeira cidade de Europa que contará con este organismo. 
 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey liderou dende o primeiro momento a candidatura da cidade consciente das potencialidades que tiña para poder albergar este organismo  baseadas fundamentalmente no ecosistema universitario e no puxante tecido económico e TIC da cidade. 
 

A Coruña sabía que era a mellor opción e a máis competitiva e por iso traballou para presentar unha candidatura potente na que se destacasen todas as nosas fortalezas pero ademais fíxose unha labor fundamental, de forma seria e discreta, para contar coa implicación de todo o tecido económico, social e institucional de Galicia. 
 

Sabiamos que era a mellor opción e a máis competitiva, tal e como lle trasladou persoalmente a alcaldesa ao Presidente do Goberno, Pedro Sánchez e agora temos a constatación. 
 

O goberno valorou a candidatura como a mellor entre dezaseis cidades de toda España e así o ratificou escollendo A Coruña como sede da AESIA de forma transparente e obxectiva publicando os criterios e o informe de valoración no BOE. 
 

Ademais da achega do ecosistema universitario, o goberno valorou especialmente a potente relación entre investigación e empresa, baseada na presenza de empresas tractoras que incorporan a Intelixencia Artificial aos seus procesos produtivos. Tamén tiveron en conta que a localización da Axencia en Galicia pode xerar un maior impulso á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, favorecendo unha maior cooperación transfronteiriza, permitindo a creación dun hub de talento ibérico para atraer e reter talento investigador.
 

Esta aposta do goberno de España pola cidade supón un reforzo ao desenvolvemento económico futuro da Coruña pero tamén de toda Galicia e é un aval ao modelo de cidade que está a desenvolver o Concello da Coruña apostando por unha cidade líder, referente e competitiva. 
 

Mais a decisión do goberno non sería posible sen o apoio de todos os axentes institucionais e económicos de Galicia, xa que dende o día que se presentou a candidatura ésta deixou de ser da Coruña para pasar a ser a de toda Galicia. Así que hoxe, coa consecución da axencia, gañou A Coruña e con ela toda Galicia.

Gañou A Coruña, gañou Galicia

Te puede interesar