Ninguén se acordou dela hai un lustro, cando cumpriu 125 anos. E parece que vai pasar o mesmo neste 2023, pero non será por este columnista, que sabe que unha das cousas máis importantes que pasou xamais aquí, onde o mundo se chama A Coruña, ocorreu en días como estes de 1893, hai 130 marzos. Foi toda unha axitación cidadá, un 15M herculino, a gran revolta coruñesa. E gañamos, claro.
Cóntolles. Resulta que hai século e un terzo, o goberno central decidiu suprimir a Capitanía Xeral do exército que había na Coruña, para movela a León, feito que provocou unha enorme indignación na cidade, transversal no ideolóxico mais con intensa participación de líderes galeguistas como Murguía, Carré Aldao, pero tamén Brañas desde Santiago, xa que a reivindicación asumiuse en toda Galicia.
A revolta desenvolveuse durante seis meses de 1893, baixo o liderado da Xunta de Defensa herculina, que nun comunicado redactado polo republicano Pérez Costales, no que non faltaban proclamas de patriotismo español, afirmaba: “Non é A Coruña soa, é Galicia enteira a que foi ferida no seu corazón (…) Resistencia, resistencia galega, fría pero firme, serena e meditada, pero tenaz. Galicia ten sofrido moito, calou moito, e chegou a hora da indignación”. E tanto. Nos xornais, a mobilización era cualificada como “rexionalista”, a primeira vez que iso ocorría. Porque, como sabe calquera que mire ben, o galeguismo é, sobre todo, un invento coruñés. A moita honra.
En xuño, os 41 membros da Xunta de Defensa foron á cadea, con nomes entre eles como o do avanzado progresista Médico Rodríguez ou o rexionalista Salvador Golpe, como tamén o alcalde, José Soto González, que xunto a toda a Corporación dimitira do seu cargo en protesta polo traslado, así de forte foi todo. As manifestacións na Coruña e polo resto de Galicia gañaron tras ese suceso aínda máis intensidade, con presenza da bandeira de franxa azul sobre fondo branco, que era a matrícula marítima da cidade e aí se gañou definitivamente a consideración de enseña de todos os galegos, por moito que a Real Academia intente agora negar ese feito mediante teorías forzadas.
A enorme presión popular acabou obrigando ao goberno central a recuar, e tras seis meses acabou devolvendo a Capitanía á Coruña, cesando así o conflicto. Foi a primeira vitoria dos galeguismos na súa historia, con dúas características moi recuperables na actualidade: non houbo sectarismo ningún -os rexionalistas traballaron sen problema xunto a republicanos ou liberais- e se asumía por todo o país a capitalidade e liderazgo da Coruña. Non é iso o que temos hoxe, por desgraza.
De feito, gran parte da historiografía nacionalista non quere saber nada daqueles feitos, non vaia ser que alguén pense que este país é algo máis que o casco vello de Compostela. Pois eles o perden, aínda que en realidade a Galicia iríalle mellor coruñesizándose un pouco. Como hai 130 anos.