O que máis pode poida que sexa quen ten menos razón. Iso si, os poderosos saben que as guerras son para acaparar, para arrexuntar máis poder, para matar e matan. Ningunha das persoas que cada un de vostedes coñece e trata sería quen de discorrer e xustificar as causas que converten a algúns homes en asasinos. Ningún podería matinar, nin pensar nin soñar que podería pasar o que está pasando, neste mundo de desorde mundial, con eses homes que se apertan ao mal e que disparan directamente á testa dos seus iguais.
Rompen a orde lóxica da convivencia e matan indiscriminadamente, con ímpeto e con fervor, aos deste lado e aos do outro. Os mortos son todos iguais. E aínda máis iguas para aqueles que saben (sabemos) que tódalas persoas teñen a mesma dignidade humana. E todas, antes ou despois, morren e alá van. Onde iran os mortos que eles mataron? Os mortos das guerras, os mortos de fame ou das enchedelas e os que viviron en plena miseria, onde irán?
Os teóricos, historiadores e, mesmo, os militares falan da guerra como se fose algo normal, citan a moitos dos conflitos activos e non son quen de actualizar a listaxe das guerras. Unha das últimas apuntadas é a declarada por Israel, esa que divide ao mundo entre bos e malos. Esa, que como todas as guerra, é mala para uns e boa, ou moi boa, para outros poucos. Que mágoa!
Moitos entenden que estes conflitos son innecesarios, pero hai quen non pode vivir sen eles, aínda que se avergoñen das súas consecuencias, das mortes e do sufrimento que producen na xente normal, na poboación inocente. Nesa xente que non saben, nin queren que saiba, canto se gasta en armamento. Canto será?
Cando parece que debía achegarse a paz e envolvelo todo, cando se vía pousada aí, como un mantel tupido de esperanza, achégase outra vez o retroceso, para volver a empezar, para que todos saiban que o negocio é o negocio, no que importa pouco a xente, quizais, menos que os cadelos e, moito menos, que os xabarís.
Os contadores das guerras enuméranas pola carteira, polos foguetes armados, por eses aparellos de matar, polos avións militares, polos tanques, polos mísiles e polos mortos arrastrados. A guerra é para matar e para gañar, para vexar aos veciños, para maltratar, aldraxar e humillar aos pobos.
Quen fai a guerra, quen a impulsa e a promove? Obviamente, non son os pobos que morren nin os irmáns que disparan. Como di a Tía Manuela, son os que viven dela, os da industria das armas, os da reconstrución da nada, os que fan negocio coa morte, co sangue e coa miseria dos outros. Se vostedes queren, acabamos coa forza deste berro: Non á guerra!