Pertenzo ao tipo de persoas que instalan no cerebro frases de aparencia intrascendente, como as que se soltan tomando cañas, ou sexa, no mellor momento posible. Pásame bastante, arquivo cousas marxinais que escoito porque sei que desde aí saen os mellores relatos, e non falo de ficción. E cando esas afirmacións saen dunha alcaldesa da Coruña (á que lle teño admiración e coa que trato, por esa orde, é sabido), con máis razón. Oxalá a alguén lle pase iso comigo, pero todo indica que non, por bocachancla.
Un día –nin idea cando foi– arredor dunha mesa feliz estabamos contando batallitas, que son o sostén das boas conversas dos maiores, que lle imos facer. E Inés Rey narrou algo cuxo contexto descoñezo agora mesmo pero na que ela lembraba que, como militante das Xuventudes Socialistas, ás veces acababa en campaña electoral pegando carteis soa xunto a algún da UGT, o seu sindicato. A cabeza fíxome Ctrl+S. Ao pensar nun artigo para esta finde descubrín as razóns. E aquí estamos.
A Coruña e o seu especial carácter resultan indivisibles da longa historia sindical desta cidade. A vangarda que fomos –e somos– en todos os sentidos tamén é debedora do Traballo e, polo tanto, dos traballadores e traballadoras. A nosa personalidade bebe directamente das folgas de mulleres da Fábrica de Tabacos no XIX, tan potentes que provocaron que a Gran Novela Coruñesa fose escrita por unha condesa que se foi a estar con elas (falamos, claro, de La Tribuna de Emilia Pardo Bazán). Pero hai moito máis, tamén con eco en artistas ilustres. As primeiras reunións anarquistas foron debuxadas por un adolescente chamado Pablo Ruiz Picasso; eran as dun movemento que despois creou fervor de liberdades no axitado primer terzo do século XX. Así mesmo, unha columna tronzada homenaxea en San Amaro aos sindicalistas que faleceron na folga de 1901. Podemos tamén lembrar aos socialistas Irmáns da Lejía, vítimas do fascismo. Ou mesmo que a UGT foi impulsora da histórica manifestación pola capitalidade (compartida) de Galicia en 1982, o que nega o mito dereitista que lle atribuíron esquerdistas conservadores.
Durante a recente folga salvaxe da recollida de lixo que plantexou un pseudo-sindicato investigadísimo por corrupción –e que tomou como refén e atacou de forma terrible os nosos barrios, incluso con lume– houbo moitos que defenderon á cidade, na práctica case todos –por exemplo a prensa ou un BNG de comportamento notable– menos algún político solto e moi minoritarias asociacións de veciños, cuxa conciencia debe estar hoxe fervendo e non para ben.
E á cabeza da firme resposta, cun valor inédito pero máis coruñés que a cascarilla, estivo unha alcaldesa, Inés Rey. Desta non pegou carteis, pero ao defender así á cidade, sen ceder a chantaxes podres, tamén puxo en valor o digno sindicalismo de verdade, que na Coruña sempre foi brava tradición cívil.