Jorge Peteiro, no Kiosko Alfonso

Comisariada por Pedro Vasco e pola tamén pintora Beatriz García Trillo, compañeira de vida do artista, o Kiosko Alfonso ofrece a mostra “PETEIRO” (A Coruña,1959-Sada,2013), na que se recolle unha selección de 94 obras que están entre as máis representativas da súa traxectoria e que nos permite constatar, una vez máis, que estamos diante de un artista irrepetible, de exultante imaxinación, un auténtico mago das formas e da cor, capaz de transformar a realidade nun lugar fantástico, nun bulinte  e polícromo caleidoscopio fervente de vida en continua transformación. Cunha linguaxe plástica  de singularísima orixinalidade converte as contornas e paisaxes que pinta nun maravilloso “locus amoenus” ou lugar feliz no que xentes e criaturas semellan vivir en perpetuo xogo. Así, no seu cadro “A arca de Noé” fai unha interpretación gozosa do mito bíblico e abre espazos marinos bulintes de peixes e navegantes. Todos os lugares nos que se inspira, xa sexan  de Galicia como Mera, Santiago, Lugo, Sorrizo, Carnota; xa foráneos, como N. York; ou recunchos da Coruña aparecen transfigurados en territorios de fábula que él, rachando con todo tipo de perspectiva e de copia do real, reconstrue libremente de un modo sintético  por medio de planos coloreados i establecendo singulares contrapontos. Así, por exemplo, no cadro titulado “,Casa das Cencias” pon de fondo o mar azul e o perfil da Torre de Hércules o do monte no que se asenta. En “Hale-Hopp A Coruña” fai, sobre un fondo de variados azuis, un poliédrico encontro entre  as palmeiras do xardín, as grúas do porto, o castelo de San Antón, a dársena, o arco da praia de Orzán-Riazor ou a Torre, entre outros e por cuxo ceo pululan estrelas errantes, anzois de pesca ou ábrense brancos camiños para peregrinos. “A Coruña dende o Nautico”, “O castelo de San Antón”, “Vista da Coruña”, “A Marina”, “Parrote”son algunhas das variadas versións que fixo da nosa cidade i en cada unha delas deixou constancia de que o tema inspirador, con ser un referente recoñecible e importante, era  interpretado, inevitablemente, segundo as leis configurativas e as iconografías propias dun Peteiro. O mesmo podemos dicir cando pinta Santiago, Pedraza, o Roncudo, Mugardos, Padrón, A Toxa ou “A bolsa de New York”; sempre  está presente o estilo inconfundible e inigualable de Peteiro que establece unha liña estética, un fío conductor entre todas as obras, no que ten un lugar principal a maneira de artellar planos, liñas e cores. Él foi creador dunha estética propia e dun alfabeto iconográfico que, sobre todo, aparece nas orlas con que a miúdo rodea aos cadros: peixes, estrelas, caracois, follas, percebes... Aínda que coñeceu mui ben as correntes de vangarda e as da súa época, dixo que non se recoñecía en ningún “ismo” e que o que facía era “peteirismo” e que o que quería era potenciar a vida boa e transmitir optimismo e alegría. Iso é o que latexa na súa obra: ritmos abertos a todos os posibeis, cores de viva polifonía, alento onírico e lúdico a enfeitizar a realidade.

Jorge Peteiro, no Kiosko Alfonso

Te puede interesar