A liberdade dos outros

Quen é o bo e quen é o malo? Uns din que é mellor Pedro e outros aseguran que o mellor era Pablo. Pablo, Marta, Alberto, Irene, Yolanda, Rosa, Ione, Ada, eles, elas, Ana, Isabel, Carmiña, Cuca ou calquera das outras persoas que van votar coa cabeza e coa man no corazón, tamén son boas.


E as/os que virán, como serán? Aínda que a xente nova non se implica e non se pon ao rego, todo parece indicar que as vindeiras xeracións son capaces de manter o compromiso firme co que consideran que debe ser e co que será.


Será o que sexa, pero o apropiado e o que quere a xente é un mundo máis xusto, no que se reparta o pan e o traballo, a auga e a terra  e no que se extermine para sempre a fame e a miseria da xente, por imperativo da cooperación e da igualdade.


As organizacións políticas e, mesmo, as ONGs láianse do facer das novas xeracións, da falta de mocidade nas súas reas, nas filas de voluntarios, nas ringleiras de persoas que loiten contra da casta, como eles loitaron. Pero, que é ou quen son as da casta? Esa casta de malos andares, coa ou contra da que traballamos nós e vostedes, amigos/as lectores/as deste xornal. A casta vai e vén e os da casta resucitan e andan trampeando, collen impulso, recuperan folgos, morren e buscan novas vías para, se poden, volver ás andadas.


A casta, caste ou liñaxe era unha forma antiga de organización social que dividía á sociedade en varios estratos. Os tempos que veñen non están polo labor, aínda que moitos dos que queren acabar con ela, o que fan é renovala, adaptala e perfilala para que sega a mesma cultura e que o cambio revolucionario non pase da linguaxe.


A mocidade, ao parecer, non comparte tales propósitos e quere que a renovación sexa plena, que os compromisos coa xente sexan firmes e que, dunha vez por todas, a sociedade respecte, defenda e promocione os principios da igualdade e da soberanía, sen castas, sen razas, sen favoritismos, sen crispación e sen mentira.


O filósofo e fundador do sikhismo (relixión monoteísta), Guru Nanak, dixo que “non son neno, nin mozo, nin vello; nin son de ningunha casta” e aí está, ben falado. Pois despois de tanto tempo é hora de que se erradiquen as castas e de que os homes e as mulleres do mundo sexan libres e cada persoa dona do seu.


Iso sería o bo, o mellor. A liberdade é quen de erradicar a fame, as castas e as miserias, pero, como di a tía Manuela, hai que conseguila e despois, con audacia, defendela e protexela con tódalas armas, de modo moi especial, respectando a liberdade dos outros, das persoas e dos pobos.

 

A liberdade dos outros

Te puede interesar