Para nós, e para o conxunto da Europa real, o mes que está a correr marca datas de forte simbolismo no calendario das conmemoracións e, máis que todo, da memoria colectiva democrática e dos acontecementos históricos do horror e barbarie moderna. Leccións do pasado das que se semella non ter aprendido nada. Citas que comezan co foco do recordo na liberación do campo de concentración nazi de Mauthasen, o 5 de maio de 1945, razón pola que se intenta celebrar nesa data, sen grande éxito nos medios por certo, o formal “día da homenaxe aos nosos compatriotas deportados ou falecidos neste e noutros campos de concentración e a todas as vítimas do nazismo” loable medida que contribúe a ir deixando pegada en pobos e cidades e que pretende multiplicar lembranzas que poñan pedagoxía sobre o risco da repetición do holocausto.
Fai quince anos xa, na librerías apareceu a edición española dunha obra de Lisa Appignanesi, autora con raíces polacas que, malia o manto de silencio e ignorancia sobre os feitos da crueldade que soportaran os seus proxenitores no territorio ocupado polo maligno, ela escribía por precisar pór ao descuberto tanto para reconstruír a historia familiar sobre os ritos de iniciación da súa propia esencia tamén como viaxe de descuberta persoal para evitar ser unha persoa estraña nunha comunidade que, sen memoria de si, carecía de identidade cultural. A súa mirada de cara a un pasado na que os feitos de criminalidade son indiscutibles mais sobre os que se produce unha operación de desmemoria, moitas veces pola preguiza e outra pola falsidade da historia contada, có risco que pode acabar converténdose nun novo escenario do horror. Un perigo que esta autora conxurou na declaración do valor do coñecemento, da verdade e da reparación moral: “Os mortos están perdidos. Pero, quizais, con todo, algo cambie se, lembrándoos, perdémolos como cómpre”.
Memoria en nome das vítimas que a ONU celebra, no 8 de maio, como “xornadas de recordo e reconciliación en honra de quen perdeu a vida na Segunda Guerra Mundial” para resaltar os progresos alcanzados logo da finalización deste conflito mundial, reflectidos na cooperación internacional e continental, os valores democráticos, os dereitos humanos e a liberdade como base fundamental dos países. Porén, a teórica misión primordial desta institución como mediadora na resolución de conflitos por medios pacíficos, está en “standby” no mesmo estado que a institución comunitaria que pouco ou nada debe celebrar no coincidente Día de Europa. Mágoa.