O susto que pasou aquela xente foi grande, moi grande. Estaban na cama e rebentou o móbil dun deles. Era un aparello de uso necesario ou, case mellor dito, imprescindible, pero naquel momento estaba apagado e pousado nunha mesa coa tapa de vidro soprado. Alí, uns e os outros estaban na procura de tempos novos, de novas ideas e de outras cousas. A noite é para durmir, dicía unha das persoas deitadas naquela cama con sabas de seda e cor marela.
Ao estourar o aparello, agora tan necesario, o cuarto e a xente quedaron ás escuras, en silencio e rezando en voz baixa o que sabían, sen que ninguén llelo ensinara. Inmediatamente desenchufaron o teléfono, pero xa era tarde. O vidro que cubría a mesa estalara en mil anacos e os corazóns estaban revolucionados e palpitando apurados. A lección quedou aprendida, o móbil non debe cargase máis do oitenta por cento e, para ben ser, non debe ter menos do vinte por cento de carga, para que as súas zonas de tensión non fomenten a degradación da batería, para que ninguén se chame a enganos.
Cómpre andar con xeito con estas cousas, tan importantes como as de comer. Os cargadores de baixa calidade non deben someterse a un uso excesivo e en ningún caso deben estar os teléfonos expostos a temperaturas elevadas, para preservar a conversación, o aparato e a orella.
Os expertos din que é conveniente ir pouco a pouco, cargar a batería lentamente e facelo nun lugar arredado do corpo e principalmente arredado da cabeza. O material no que están fabricadas as baterías é de litio, un magnífico condutor da electricidade e moi sensible aos cambios de temperatura, lixeiro e prateado, como o ouro branco. Os que saben din que é o metal máis lixeiro e menos denso en estado sólido a temperatura ambiente.
Aquí, no entorno, non se explotan as minas. A mesma lexislación obriga a que os xacementos minerais gocen da cautela suficiente para que non haxa impacto ambiental de ningún tipo. Para que o litio sirva á industria e que veña de onde queira que veña, de onde sexa. A Tía Manuela di que hai que fiarse da ciencia para entender o camiñar do futuro, obrigatoriamente respectuoso cos recursos naturais e co uso dos mesmos na industria, para garantir que o mundo non se para, que a intelixencia non se esgota e o consumo de enerxía, tampouco.