As cidades teñen vida, crecen e evolucionan con barrios que gañan e perden puxanza adaptándose aos distintos momentos que lles tocou pasar. Zonas dunha cidade que un día foron novas e punteiras, son anos máis tarde lugares máis envellecidos e menos dinámicos. As cidades mudan porque as persoas mudan, e porque as novas xeracións que veñen non sempre se instalan nos barrios dos seus pais, senón noutros espazos que tamén constrúen cidade. As urbes, pois, cambian de pel. A Coruña mudouna moitas veces, con grandes transformacións que adaptaron a xeografía da urbe as necesidades humanas.
Para compensar as forzas demográficas e para que os cambios sexan para ben, as Administracións teñen que facer o seu traballo. As Administracións non poden loitar contra o inevitable. O vehículo privado, por exemplo, condicionou a evolución urbana das cidades desde os anos 60, sen que en ningunha se puidera planificar como se o feito do acceso xeralizado ao coche non existira. Loitar contra o inevitable é un absurdo, mais non o é modular os cambios non só mediante a planificación (como se está a face na Coruña coa mobilidade), senón mediante a creación de polos de atracción que condicionen os movementos líquidos nas urbes.
Nas últimas semanas o Goberno de Inés Rey deu dous pasos significativos para facer da Cidade Vella un lugar máis atractivo. O inicio das obras de recuperación dos xardíns de San Carlos (que se pon en marcha despois da revitalización de Méndez Núñez) súmase ao impulso que suporá a restauración da Casa Veeduría. Non son asuntos menores. Poñer á disposición das persoas case 4.000 metros cadrados de espazo de servizos públicos, con salas de exposicións e estudos, mais tamén con centro de día, suporá unha motivación extra para quedar no casco vello ou instalarse nel, como tamén o será contar de novo cun xardín decimonónico de primeiro nivel.
As naves do Metrosidero ofrecerán en breve novos servizos para os máis novos, ademais de novos espazos verdes, mentres que as rúas vanse renovando con actuacións tan coidadosas como a levada a cabo en Nosa Señora do Rosario e, en breve na contorna da Luis Seoane ou na rúa Cortaduría.
As cidades mudan, e os cambios van seguindo o rumbo dos soños e das posibilidades de aqueles que as habitan. Por iso traballamos para poder para facer da Cidade Vella un lugar máis desexable, un espazo co que soñar. Non se trata só de investimentos que, no económico, superan con creces aos levados a cabo no casco histórico noutras épocas, trátase de actuar con acerto, de tocar a tecla que se precisa para que a melodía sexa aínda máis harmónica, de facer que un lugar dunha indiscutible beleza sexa tamén un lugar máis coidado e mellor dotado de servizos públicos. As cidades son líquidas, mais non me cabe dúbida de que o traballo desenvolvido fará que os futuros movementos das persoas non pasen por alto un casco vello que será aínda máis excepcional do que hoxe é.