As carrachas estaban nas flores das xestas e dende alí pasaban correndo e invisibles aos sobacos tenros dos que coidaban ou pastoreaban as ovellas ou ao lombo do can, por onde se movían ás súas anchas, chupando do sangue, medrando e multiplicándose ata a invasión de tódalas zonas brandas ou do corpo enteiro.
Agora son as chinches, eses pequenos insectos chupadores que pican e maltratan a aqueles nos que se pousan. Veñen de lonxe e chegan a onde se queira que cheguen para que a xente rasque o seu corpo e rañe nel coas unllas, ata que o sangue corra e molle os calcetíns, aínda que sexan de algodón puro, cen por cen.
Gústanlles as peles limpas e con cheiro a colonia de calidade, a vainilla, a piña ou a melocotón. As chinches son inimigas do turismo e da xente lavada, son a ruína dos comerciantes hostaleiros, dos albergues de peregrinos, dos prestixiosos establecementos de fonda e pousada. Son como unha praga que non mata, pero afoga.
Eses perigosos insectos que se alimentan do sangue dos animais e das persoas, son transmisores de enfermidades malas, algunhas delas con perigo mortal. Déixanche o mal no corpo mentres chupan e, dun corpo van a outro, tan campantes, picando e chupando. Os mosquitos son perigosos, capaces de inxectar enfermidades que poden ser graves, como o Dengue, a Malaria, a Febre Amarela ou a Filariose. E tamén hai enfermidades que se transmiten por picaduras de moscas, carrachas, pulgas, piollos ou chinches.
Cómpre atallar a esta bichería, que se estende por onde máis mal fai, polas pernas e polos brazos, polo peito e o lombo, polo corpo ferido de calquera amigo, polas entrañas dos pobos máis pobres, mancados con esas úlceras que nunca máis cicatrizan.
Como advirte a Tía Manuela, na política e no rascar, ollo co piollo! Aí está, hai que catalos, espelir as pulgas, rañar o nariz, cofar a testa e o carrelo, sulfatar as patacas para matar o escaravello, aquel inventado para crear, gastar e vender o remedio axeitado, o máis eficaz e apropiado.
As chinches son diminutas e planas, fanse invisibles e viaxan escondidas ata onde poden asentarse comodamente e as femias deixar os ovos, centos de ovos nunha soa vez. Centos de insectos, en grupo e sen niño, buscando o sangue dalgún humano para seguir poñendo ovos. Unha verdadeira praga difícil de exterminar.
Quedan nas almofadas, nos colchóns abrigadas e nos recunchos do cuarto. Ou van coa xente de pensión en pensión, de hotel en hotel; en coche, en tren, no autobús de longa distancia ou no de percorrido, propiamente, local. Alguén terá que matalas, alguén deberá responsabilizarse da limpeza, da hixiene necesaria e conveniente. Quen será?