Prognóstico é anuncio de algo que vai ocorrer ou de como vai ocorrer, baseándose en certos sinais. Caso da medicina na que se forma unha diagnose hipotética acerca da evolución, duración e terminación probable dunha doenza. Nesta reflexión, só vai o aspecto do diagnóstico, o resto fica na incerteza absoluta tirando da típica apreciación do recorrente “prognóstico reservado”, expresión que malia referirse a natural cautela cando aínda se descoñece con exactitude o alcance dunha lesión, na realidade percíbese sempre como vaticíneo fatal.
Por iso, fronte ao fantástico prognóstico de certos sectores da creación de opinión pública en materia de economía, anunciando un mundo feliz con total recuperación e crecemento exponencial de riqueza para este aninovo, á vista de como veñen evolucionando as circunstancias todo apunta ao sobresalto e ás dificultades, moito mais ollando como os países ricos acumularon vacinas deixando sen elas aos máis pobres, causa principal de non chegar á fin da pandemia. Os sucesivos gromos trouxeron sobresaltos continuos que frean actividade e incrementan a vulnerabilidade económica, política e social. Ata que non mude a estratexia global da vacinación non haberá recuperación real. Chegarán aínda máis variantes, incertezas e tensións.
Soportamos incremento de prezos, perda da capacidade adquisitiva dos salarios e outros desaxustes que, alén dos efectos da pandemia, verdadeiramente veñen de antes sen recibir ningún tipo de enfrontamento polos gobernos de quenda, no entanto as grandes corporacións persisten nos comportamentos que levaron a esta situación, incluída a concentración empresarial que desarticula os mercados da suposta libre competencia, creando un efecto de retrocarga que imposibilita a execución de plans a curto e medio prazo. Contexto no que persiste a crise da industria, anterior á pandemia, e suma o caótico momento dos sistemas loxísticos e de aprovisionamento que bloquean o subministro de materias primas á produción fabril na que tamén se gravan custos enerxéticos disparados polo poder concedido aos oligopolios da electricidade.
A emerxencia climática coas súas catástrofes agrandadas por causa do quentamento global engaden máis gastos extraordinarios. Velaí polo que é moi difícil que as economías melloren substancialmente no ano recen estreado cando nin os gobernos, bancos centrais e teóricos da economía oficial teñen claro que se debe facer, nin por que están a facer o que fan. Iso si, unha cousa é segura: Incrementarase a débeda a favor das entidades financeiras e a riqueza seguirá a concentrase en poucas mans. Para o resto, as migallas. Se sobran, nada seguro. Mal agoiro.