Responsabilidade urbana no cambio climático

Aínda que por extensión as cidades ocupan en Europa un área ínfima da súa superficie, nelas concéntrase o 80% da poboación. A elas débese tamén directa ou indirectamente a inmensa maioría das emisións contaminantes que están detrás do quentamento global e do cambio climático que ameaza o noso futuro.


A civilización urbana e os seus hábitos de consumo e de vida son os responsables das consecuencias no medio da actividade humana, e por iso son tamén as cidades os actores principais que deben mover ficha para achegar unha solución. As urbes teñen unha responsabilidade, mais as cidades non son suxeitos que as podan asumir: ese papel corresponde aos seus gobernos. Os gobernos das cidades teñen un papel fundamental para frear e reverter unha situación insostible. Sen un compromiso claro teremos un futuro escuro. A posta por políticas de baixas emisións non ten por que ser traumática. É máis, é unha excelente posibilidade para implantar novos hábitos que redunden nunha maior calidade de vida, calidade que non se mide só polo aire que se respira, senón tamén por outra forma de relacionarse as persoas co espazo, e que redunda en beneficio de ambas.


A Coruña é un bo exemplo de políticas activas de baixas emisións. Inés Rey promoveu a extensión das áreas peonís, que superan en 50.000 metros cadrados o espazo gañado desde o 2019. Os 11 millóns  de euros obtidos de fondos Next Generation (o nome o di todo) inciden tamén na Coruña nun cambio sensible das políticas de mobilidade, non promovendo vetos, pero si ofrecendo alternativas.


O número de usuarios de BiciCoruña, por citar un caso de servizo mellorado polo actual executivo local, achégase xa aos 6.000, triplicando practicamente en só catro meses os datos previos á implantación da bicicleta eléctrica e a extensión das estacións polos barrios.


Os fondos IDAE xestionados tamén por este executivo aportan outros 12,6 millóns de euros para mudar todo o alumeado público da cidade por outro máis eficiente. Hai máis Next Generation en axenda e todos encamiñados a un mesmo fin. O futuro das cidade, si as cidades queren ter futuro, pasa por minimizar o seu impacto ambiental, pasa por promover medios de transporte alternativos, por impulsar tamén os medios públicos, como de feito faise na Coruña coa rebaixa xeral do bus en aplicación dos fondos estatais, mais tamén co 60% de redución de prezo na tarifa do bus universitario impulsada desde a Administración local. Os cambios, na organización urbana como case en todos os ámbitos da vida, sempre precisan un tempo de adaptación, mais é preciso ter claro que os cambios, neste caso, son precisos, e que o resultado deles non será outro que acadar unha vida mellor para todos eses millóns de persoas que habitan neste mundo concentradas en urbes. Ou cambiamos de modelo, ou quedamos sen modelo.

Responsabilidade urbana no cambio climático

Te puede interesar