Os investimentos pendentes na cidade da Coruña constitúen por dereito propio un xénero literario ou, cando menos, xornalístico. Existe xa unha sorte de tradición segundo a cal a petición das mesmas obras unha e outra vez tense convertido nunha letanía, case nun ritual.
Do enlace ferroviario con punta Langosteira levábase falando desde que se deseñou o porto exterior, do dragado da ría do Burgo desde o século pasado, e da estación intermodal máis do mesmo. Esta semana estivo na Coruña con Inés Rey a ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. Raquel Sánchez chegou con boas novas para esta cidade. A ampliación de Alfonso Molina comezará o ano que vén, e tamén o proxecto da Cuarta Ronda. Terá impulso tamén o Vial 18 e Alvedro estrea plan director pensando en novas ampliacións. Os corifeos van quedar, a este paso, sen guión do que tirar nos seus lamentos. Da débeda do tren a Langosteira xa non se fala, como non se fala da ría nin da intermodal. Os 16 millóns de euros que figuran recollidos nos Presupuestos Generales del Estado para Alfonso Molina son boas razóns para dar por feito que, en breve, tamén se deixará de falar da principal vía de entrada á cidade, como non se fala xa pasarela de Pedralonga: a maior investimento, máis silencio. Non é sinxelo nun só mandato poñer en marcha actuacións que son nesta cidade auténticas débedas históricas, mais iso está a acontecer baixo o Goberno de Inés Rey, con investimentos en marcha ou aprobados e orzamentados que superan os 250 millóns de euros, investimentos chamados a impulsar á economía coruñesa e da súa área e a mellorar a mobilidade e a calidade de vida dos cidadáns.
Era hora de saldar débedas, de deixar atrás antigas demandas para abrir un tempo novo. A Coruña crece e proxéctase en todos os ámbitos. Ningunha cidade inviste máis en Galicia. Ningunha cidade estase a transformar como A Coruña.
Ningunha cidade no noroeste ten hoxe o mesmo poder de atracción a todos os niveis: desde o cume hispano alemán celebrado este mesmo mes ata o Womex anunciado pola alcaldesa para o ano próximo. A Coruña móvese e pouco a pouco deixa de mirar cara o pasado para rematar cuestións inacabadas e obras non resoltas.
É hora de ollar cara adiante e de mirar ao futuro sen complexos. Hai proxecto para facelo, e enerxía. É necesario dar un paso á fronte e comprender que o silencio que se fai sobre as débedas xa saldadas supón o preámbulo das novas débedas por contraer, de novos proxectos capaces de ilusionar a todos os que soñamos con vivir nunha cidade mellor.