Axudada polo histórico erro dunha esquerda despistada polas mamarrachadas woke, a ultra-dereita toma posicións gobernamentais por toda Europa. Tamén en España. En Valencia ou Extremadura, os representantes de Vox locen carteiras importantes e, o que é peor, arrastran ao Partido Popular cara posicións que nada teñen que ver coas dereitas civilizadas de Alemania ou Francia nas que antes se miraba.
O alarmante espectáculo de autoridades autonómicas que, por exemplo, negan a evidencia científica do cambio climático ou discuten os máis elementais avances nos dereitos reprodutivos das mulleres supoñen o pitido inicial dun percorrido que xa vimos noutros territorios, como nos Estados Unidos de Trump, onde quedou unha democracia seriamente erosionada, como ocorre en Polonia ou Hungría.
Máis alá do foco amplo, indo ao cercano, a irrupción ou contaxio da ultra-dereita en gobernos rexionais ou locais está sendo acompañada de batallas culturais que, en realidade, son do máis material. Unha delas, claramente regresiva, é a que sinala de novo ás cidades como territorio pensando de forma singular para os automóviles privados. Volve o coche. Namentres as grandes urbes europeas levan anos desenvolvendo un modelo humanizado, que se centra nas persoas e nos espazos abertos para a cidadanía, as dereitas españolas deciden ir en sentido contrario. Xixón, Elche ou Valladolid xa anunciaron o contaminante regreso de todo vehículo ás zonas das que se eliminou, medida que irá acompañada dun fulminante freo aos carrís-bici e outras formas de mobilidade menos agresiva. Van retroceder medio século, en definitiva.
Por fortuna, Galicia e máis en concreto A Coruña ficaron a salvo desta vaga reaccionaria. Aquí continuarán as peonalizacións e o exitoso despregamento de BiciCoruña. Pero a cousa vai máis alá. Unha das novas máis importantes dos últimos días tivo lugar o día de San Xoán. Tras a masiva noite de festa nas praias das cidades chega o momento da limpeza. Hai anos, as imaxes da sucidade no Orzán ou en Riazor resultaban descorazonadoras. Pero 2023 apuntou a outra cousa. Foi a vez que menos residuos houbo que recoller desde que hai datos. En cinco anos, o lixo reduciuse á metade, das 117 toneladas de 2018 ás 57 deste ano. A concienciación funciona. O medio ambiente agradéceo.
De seguir esta evolución, é posible que en 2030 sexa mínima a cantidade de residuos que quede nos arenais tras a noite de San Xoán, a gran festa popular da Coruña. Ese é outro dos moitos beneficios resultantes do feito de que esta cidade sexa fiel á súa histórica tradición progresista e por aquí nin sequera asome Vox.
Porque ninguén pode dubidar que, visto o visto noutras cidades, coa ultra-dereita regresarían os coches a María Pita ou á rúa Barcelona e, sobre todo, volvería a barra libre de porquería tras as lumeiradas. Ou sexa, a política convertida en lixo. Que siga moitos anos lonxe de nós.