Vivimos entre a emoción, a loita e o desencanto ás veces, pero sempre coa convicción de ser posuidores de expectativas amplas e vontades eternas, capaces de facer de nós seres excepcionais e irrepetibles. A química das emocións fai reaccionar á nosa afectividade e fai saltar esa chispa que acende o mundo das paixóns adxectivas que sempre nos definen, e que acaba por librarnos das fatigas cotiás e das trampas do destino. Sentir é a enerxía capaz de mover o mundo. É a vontade creadora que impulsa a levantarse tras cada unha das múltiples caídas, reais ou metafóricas que sufrimos, consecuencias de sabernos plenamente seres vulnerables. Pero a fraxilidade é un estadio consubstancial á inacción. O movemento desenrola a capacidade de observación, a necesidade de empatía e o pensamento crítico. Somos o que sentimos. Sentir fai que sexamos máis perfectos e máis capaces de superar –metaforicamente falando– calquera reto. Estamos feitos de anacos de historias conmovidas que fan de nos depósitos inesquecibles de experiencias que reaccionan a un aroma, a unha palabra, á tonalidade precisa dunha voz ou ao instante de burbulla dun sorriso. Tamén é certo que moitas veces, sentimos por riba das nosas posibilidades, e non somos conscientes da velocidade do tempo e das limitacións da vida real que pouco ten que ver cos nosos soños. A realidade é aquelo que serve para estragar a perfección do que soñamos. Reivindico a Poesía coma territorio onde habitar a salvo das derrotas, e coma porto refuxio onde todo protexe das rutinas. A Poesía é a creatividade exacerbada, a voz conciliadora que existe a pesar de tódolos desterros e destila a harmonía emocionada capaz de conmover e definirnos. Nada ten maior forza que cada verso minúsculo que, coma un latexo, e quen de derrubar fronteiras e de facer nacer paisaxes conmovidas. Incluso no desequilibrio das nosas xeografías emocionais, habita a Poesía.
Non teño palabra máis viva que sentirte...