Un teatro para María Casares

Está a piques de rematar o Ano María Casares. Neste 2022, con motivo do centenario do seu nacemento, entre todos reivindicamos e puxemos en valor a vida e obra da grande actriz coruñesa. Unha María Casares que, no exilio, acadou o máximo recoñecemento nas artes escénicas francesas. 


Por iso, numerosas persoas e entidades culturais promoveron unha iniciativa para que o Teatro Colón pase a denominarse Teatro María Casares. Na presentación do extraordinario documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, o seu director, Xavier Villaverde, sumouse á petición lembrando que en París existe a ponte María Casares e en Catalunya hai ducias de teatros co nome de Margarita Xirgú, unha das maiores referentes do teatro catalán no século XX.


O Teatro Colón adoptou ese nome simplemente como emulación do teatro homónimo de Bos Aires. Á marxe da valoración que cada un de nós teñamos da figura histórica de Cristobal Colón, non hai nada que o vencelle coa Coruña.


En troca, como dixo Xosé Barato, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, “ligar o nome de María Casares a un dos grandes teatros da cidade que a viu nacer sería un gran recoñecemento e facelo neste ano do centenario tería un simbolismo aínda maior”. 


E, en palabras de Miguel Anxo Fernán Vello, poeta e amigo da actriz, “o nome da cidade da Coruña, con dous teatros a levaren nome de muller (Rosalía de Castro e María Casares), brillaría aínda máis, sen dúbida, entre nós e no mundo”.


Que así sexa. Concello e Deputación teñen a palabra. Que mellor colofón ao Ano María Casares que adicar á sua memoria un teatro emblemático da nosa cidade.

Un teatro para María Casares

Te puede interesar