Valedor da esperanza

Ían lentamente paso a paso, camiñaban á sombra das carballeiras e  andaban polos carreiros daqueles soutos, ao carón dos regatos e dos ríos. Andaban pola serra e seguían igual que andaran por Castela. Os peregrinos subían pola Faba de Vega de Valcarce e entraban en Galicia polo Cebreiro, por onde seguen entrando actualmente os que peregrinan polo Camiño Francés, con etapas marcadas, con albergues e pensións preparadas. 


Alí arriba, no alto ou no máis alto de serra luguesa, os peregrinos, cegados por tanta claridade, paraban en seco, recreaban a vista e alongaban os sentimentos, abrazábanse a eles ou a calquera pedra de calquera parede da Igrexa monumental e románica de Santa María. Abrazábanse e choraban como desolados. 


Paraban en O Cebreiro e preguntaban por Elías Valiña, falaban con el, encariñábanse co seu pensar e levábano na memoria como se fose un verdadeiro monumento, un santo vivo, un ilustrado que poñía o seu saber ao servizo dos lugareños e dos peregrinos, sen diferencia, viñeran de onde viñeran. Todos ían polo Hospital da Condesa, polo Alto do Poio, por Triacastela, Pena Partida e San Cristovo do Real ata o Samos monacal. 


E dende alí, por Sarria, Ferreiros de Paradela e Portomarín, ata achegarse a Ventas de Narón. Seguir por Ligonde de Monterroso e chegar a Palas de Rei. De Palas, polas terras de Ulloa, e por Leboreir achegábanse a Melide, para seguir por Arzúa, cruzar o concello de O Pino, pasar por Lavacolla e entrar, polo Monte do Gozo, en Santiago de Compostela. 


Elías Valiña era de Sarria, nacera en 1929 e finou o 11 de decembro de 1989. Estamos no seu 35 cabodano e os peregrinos que van (veñen) a Santiago, por calquera das rutas xacobeas, considérano un referente. Foi cura do Cebreiro dende 1959 ata o seu pasamento. Un revolucionario, un investigador considerado e premiado, un estudoso preocupado polo desenvolvemento social, económico e cultural.  


Os seus amigos e familiares, xunto coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, os concellos e especificamente a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) lembran os seus méritos como valedor da esperanza, da xente e dos lugares por onde transcorre este Camiño do saber, de compartir e do aprender. Como di a Tía Manuela a el e a Portomeñe “debémoslles todo”.  

Valedor da esperanza

Te puede interesar