Na causa medioambiental que nos preocupa, o voo dunha bolboreta pode cambiar o mundo. Si, con certeza absoluta. Velaí a metáfora condensada no lema repetido cada ano na celebración do Día Europeo da Rede Natura 2000, creado a partir da iniciativa de SÉ/ BirdLife, cinco anos atrás, adoptando para iso a data do 21 de maio porque tal día, en 1992, fora aprobada a Directiva Hábitats, a gran norma europea que, xunto á Directiva de Aves, permitiu a protección dos espazos que forman esta magna rede. Aínda así, moito é o camiño que fica por percorrer a prol do medio.
Lembremos que a Rede Natura 2000 é unha suma territorial coherente de espazos naturais protexidos configurada coa finalidade de conservar ou restaurar, a un estado de conservación favorable, á fauna e flora, nas xeografía europeas e os seus hábitats. Unha ferramenta de acción medioambiental a prol da diversidade biolóxica compartida no ámbito institucional comunitario coa que a Unión Europea alén de coidar do seu patrimonio natural tamén garante a sostibilidade tendo en conta as necesidades económicas, sociais e culturais de cada zona singular.
Galiza, nesa magna rede continental, achega 59 Zonas Especiais de Conservación e 16 Zonas de Especial Protección para as Aves, apenas un doce por cento da superficie do país, absolutamente insuficientes para asegurar a riqueza natural e paisaxística, a biodiversidade de especies que fornecen o patrimonio de flora e fauna, así como tamén a perda de oportunidade para un desenvolvemento rural e os diversos beneficios sociais que isto supón. Aos andazos tradicionais que supoñen a desfeita do medio, a vaga de incendios, a extensión de árbores pirofóricos e outras importacións invasoras de variada feitura sumamos a desmedida pretensión eólica en curso.
Unha data reivindicativa que vai seguida doutra: O domingo, 22 de maio, celébrase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica que trata de facer unha chamada de atención sobre o valor que posúen todas as formas de vida e os ecosistemas para a saúde do planeta. Nesta ocasión co foco posto no propósito de “construír un futuro compartido para todas as formas de vida”, un berro para que poderes políticos, económicos e sociais procuren traballar na busca de solucións aos desafíos do desenvolvemento sostíbel en material de clima, saúde, e seguridade alimentaria; desde a biodiversidade. Sen esquecer que todas as persoas “somos parte da solución”. Velaí o labor de voluntariado ambiental que impulsa ADEGA no Proxecto Ríos, eliminando flora exótica invasora na canles fluviais galegas. É o que nos está a pedir o planeta Terra que aínda habitamos.