Ollando para a definición de chimpancé que nos ofrece o dicionario da Academia Galega, indicando que este substantivo masculino é un “mono antropomorfo da suborde dos catarrinos, de brazos moi longos, cabeza redonda e pelame escura, negra ou marrón, propio de África ecuatorial, que vive nas árbores”, malia a extensión das súas características físicas e do hábitat pouco podemos intuír da simboloxía metafórica do seu comportamento territorial extensiva a xeopolítica internacional. Menos aínda coa frase complementaria que se inclúe para facilitar a comprensión do significado da palabra: Os chimpancés son fáciles de domesticar. Non sei eu. A cousa ten reviravoltas. Moitas.
Para o común dos mortais, iso da xeopolítica é unha cousa moi moderna pero, na realidade, os chimpancés coñecíana moito antes de que tivesen como descendentes ao “homo erectus”, paso previo da súa evolución ao nivel de “sapiens”. Para eles, esta variante dos macacos, a defensa do seu territorio era tan importante como que a súa subsistencia dependía de non ter que compartir os recursos proporcionados por ese territorio cos membros doutras bandas de individuos distintos da propia. Certo é que nesta variante de primates do mundo natural non é preciso catalogar o feito.
Porén, tempo atrás chegou a reflexión intelectual escrita de Robert D. Kaplan na súa obra “A vinganza da xeografía” para indicarnos que son moitas a circunstancias que condicionan o destino dos pobos, das nacións e mesmo dos imperios. Con todo, existe un factor clave que se impón aos outros: A xeografía; e dicir, o territorio. Dito doutro xeito, agora ten dimensión científica o que xa intuían e practicaban os chimpancés, adaptado ao seu comportamento, á hora de amosar que a vida nun determinado territorio determina as súas relacións non só cos seus veciños, se non con xentes e lugares distantes pero con intereses similares. No pequeno curruncho da selva e na grande política internacional coas súas áreas de pugna e conflito para controlar territorios e recursos.
Metafísica, o antedito, dos intereses estatais enfrontados no ámbito europeo á hora de xestionar a crise enerxética, alimentaria e social inducida que carga a súa dureza sobre as clases sociais máis vulnerábeis, a grande maioría da xente, que acabarán por ser máis pobres logo de pagar os efectos dunha política de submisión ao interese da estratexia norteamericana interesada na guerra para asegurar o negocio da industria do armamento e o seu rol imperial. O do chimpancé dominante.