O conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, falou dun prazo duns 15 meses para tentar acadar un “gran pacto social” polo galego, para o que onte iniciou a rolda de contactos cos grupos parlamentarios con representación.
Previamente aos encontros da tarde deste xoves con PP, BNG, PSdeG e Democracia Ourensana, mantivo unha reunión co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, para explicarlle cal vai ser o proceso de negociación que empezará coa presentación dun “documento de traballo” aos grupos con propostas “razoables”.
Destas reunións ten que saír un “principio de acordo” para despois tentar “adherir ao resto da sociedade galega”, explicou.
Por iso, o seguinte paso, tras os grupos parlamentarios, será iniciar encontros con entidades como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Federación Galega de Municipios e Provincias, ou as universidades durante este ano e, xa o ano que vén abrir o proceso á sociedade e “pechar os documentos necesarios” dentro de 2025, cun prazo total de 15 meses.
López Campos tamén reclamou ás forzas políticas non poñer “liñas vermellas”, aínda que deixou claro que a formulación da Xunta non pasa pola derogación do Decreto do Plurilingüismo de 2010 –que reclama a oposición–, nin a inmersión lingüística ou o monolingüismo, senón un “bilingüismo cordial” que necesita “actualización e reforzarse”.
“A Xunta non vai traizoar o seu programa electoral e o seu compromiso cos galegos, polo tanto, en ningún caso procede falar da imposición, de que poida gañar un dos extremos da negociación”, advertiu, en referencia ao monolingüismo ou á inmersión, que o Goberno galego “non comparte”.
Insistiu en apelar á “honestidade”, así como á “coherencia e á sensatez” para tentar chegar a un punto “cedendo todos algo” e chegar así ao obxectivo final da pervivencia do galego no futuro.
O conselleiro considerou que o maior problema que ten o galego hoxe en día é o do uso social, porque as competencias lingüísticas están acreditadas, segundo os datos do último informe do IGE, e a situación actual pódese resumir en que “os nenos entran na escola falando galego ou aprenden galego na escola e socializan en castelán”.
A ferramenta necesaria para modificar esta situación e que o uso do galego se “normalice” na vida diaria é o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade en 2004, que “achega as medidas e os recursos” polo que a súa actualización pode ser “unha base de referencia importante”. Neste senso, propuxo aos grupos políticos pactar os expertos “de prestixio” que conformarán os grupos de traballo, polo menos sete, cos que se actualizará o Plan de Normalización.
En palabras do conselleiro, foi unha xornada “moi frutífera” na que notou a todos “sensibilizados” coa situación do idioma.
Entre as medidas recollidas no documento que o conselleiro trasladou aos grupos políticos destacan: a longo prazo, a principal proposta é a revisión do “marco normativo”, concretamente do Plan de Normalización; unha entidade independente como marco negociador; 50 medidas de impulso inmediato e garantir un aumento da senda financieira das políticas lingüísticas.