América Díaz | “No 73 nunha aldea de Sada xa pasaban películas sobre a Bauhaus, e iso dá conta da dimensión do que fixo este home”

Experta na figura de Díaz Pardo: A historiadora sadense América Díaz afonda na enorme pegada do artista en Sada e nas Mariñas
América Díaz | “No 73 nunha aldea de Sada xa pasaban películas sobre a Bauhaus, e iso dá conta da dimensión do que fixo este home”
América Díaz Pampín, co mar e a vila de Sada ao fondo | carlota Blanco

Isaac Díaz Pardo encarna o compromiso identitario, social e cultural con Galicia. Como artista e empresario, dedicou toda a súa vida á recuperación da memoria do país a través da súa obra e das súas accións, marcado polo asasinato do seu pai en 1936 e pola súa relación cos exiliados, nomeadamente na Arxentina. Pero Isaac Díaz Pardo é tamén o veciño do Castro de Samoedo e o sangue vindicado das Mariñas. A historiadora María América Díaz Pampín tivo a oportunidade de traballar con el, no Carlos Maside de Sada e no Instituto Galego de Información, en Compostela.

 

Como era traballar con Díaz Pardo?
Era un máster diario. Eu tiven moita sorte porque acabei de estudar e entrei no Museo Carlos Maside, coas visitas, toda colección o depósito... Despois chamáronme para o Instituto Galego de Información (IGI). Era un centro que estaba en San Marcos, nos arredores de Santiago, onde se producía toda a parte cultural do Grupo Sargadelos. Alí estabamos dez persoas entre historiadores, historiadores da arte, filólogos, deseñadores... Día a día, de nove a seis con Isaac (Díaz Pardo). Todo o que alí se creaba era o que despois se amosaba nas Galerías Sargadelos. Nese momento, o ano 2000, había espazos en Milán, en Porto, en Sevilla, Barcelona, Madrid e en toda Galicia. En todo momento tiñamos acceso a ese tremendo legado de Isaac. Imaxine... Aniversario de Luis Seoane? Imos facer unha exposición, unha mesa redonda… Outro día viña de visita Eugenio Granell... E tamén estaba Ediciós do Castro. Era alucinante. Incríbel. Un tempo alucinante.

De aí marcha a Barcelona, a dirixir a Galería Sargadelos.
Tamén toda unha experiencia. Pensas en que Díaz Pardo abre aló Sargadelos en 1972. Unha librería, en galego-portugués, en medio da dictadura, e en Barcelona.

 

Toda unha declaración de intencións por parte de Díaz Pardo.
Total, total. Alí mesmo, na Pedrera, en pleno centro de Barcelona. Cando acabei, volvín a Galicia.

 

E volve traballar con Isaac. 
El mesmo me chamou... Empezaba a darse conta de que as cousas non ían moi ben e o legado corría perigo. Entón, como era moi listo, pensou en quen tiña as mellores tecnoloxías e os mellores métodos de conservación... Era no Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia. Entón, mediante un comodato de nada menos que 70 anos, fixo a cesión. Tiven a sorte de que el me elixiu a min para que fixeramos ese ‘envío’ xuntos.  

 

Desde O Castro de Sada ao Gaiás? 
Estabamos nun estudio que tiña enriba da fábrica, no Castro. Empezamos a enviar todo o legado do seu pai, Camilo Díaz Baliño, que por este proceso agora se pode consultar en Galiciana, cousas de Dieste, bibliotecas... Pero desgraciadamente ese proceso queda interrompido porque el falece, o 5 de xaneiro de 2012.

 

Ata que punto lle afecta acabar os seus días apartado de Sargadelos?
Aféctalle en todos os sentidos. Pero é que é surreal. Que ti crees unha empresa que é referente da cultura galega do século XX e te aparten... El era moi boa persoa en todos os aspectos e digamos que ás veces non era un empresario ao uso. Morreu con esa pena.

 

Vostede comeza no Carlos Maside, un museo que é unha xoia pero segue sendo un descoñecido incluso para a cidadanía das Mariñas...
Totalmente de acordo. Eu aínda me lembro cando eramos nenos e a todos, tanto aos de Sada como aos da contorna, nos levaban a facer cerámica ao Castro e despois a ver o Carlos Maside. Nos sentaban no auditorio do museo, que é unha obra arquitectónica impresionante, de Albalat. Agora todo iso non se fai, o museo ten un horario ridículo, só abre os venres de 10.00 a 12.00. É algo que habería que potenciar. Mire, cando nós estabamos traballando veu unha investigadora, Inmaculada del Real, que estaba facendo unha tese sobre museos, e alucinou. Ela escribe un libro, de referencia e recomendable para coñecer o Carlos Maside, onde o define como o exemplo de museo do exilio.

 

Porque é clave o papel de Seoane desde o exilio na Arxentina.
Estando no IGI tiven a sorte de que Isaac me encargou o traballo de editar as súas cartas con Luis Seoane. Esas cartas... Nunha delas, Seoane explica a Díaz Pardo como ten que ser ese museo. Todo, absolutamente. Como debe ser, por que lle temos que chamar museo, porque está dedicado a un artista que acaba de morrer, que salas, que colección e como debe funcionar. Insiste en que debe ter unha programación paralela. É curiosísimo porque Xosé Díaz, que é o encargado desa programación, comenta, que no ano 73, nunha sala dunha aldea de Sada se estaban pasando películas sobre a Bauhaus... E esa sala se enchía... Para que entendamos a dimensión do que fixeron estes dous homes.

 

Un binomio irrepetible. Complementario un do outro? 
Tamén discutían. Non era todo de cor rosa. Seoane era moi, moi artista, moi artista. E Isaac tamén era artista pero cun enorme drama interno. O da morte do seu pai, que o marca profundamente. Eu son das que considera que mesmo na arquitectura de todas as sedes de Sargadelos, onde sempre aparece unha escaleira retorcida que leva a unha sala... El estivo escondido. Tamén hai que ter en conta que Seoane e Díaz Pardo se coñecen nos anos 20 en Santiago, no estudio de Camilo Díaz Baliño. Seoane era dez anos maior que Isaac, que nese momento era un rapaz, e a verdadeira amizade comeza no 55, en que o invitan a América para abrir unha fábrica igual que a do Castro en Magdalena. Para Isaac foi a desculpa perfecta porque el quería saber que estaba pasando na Arxentina. E descubriu un mundo co que el non contaba. Alí reencóntrase con Seoane, que lle abre a porta a un mundo cultural incríbel, pero marcado totalmente polo exilio. Alí pensan que poden facer e o que deciden facer é un proxecto único: un laboratorio de formas. O todo do que serán seis proxectos impresionantes; recuperación de Sargadelos, Carlos Maside, Ediciós do Castro, Instituto Galego de Información, o Laboratorio de Industria e Comunicación, o Seminario de Estudios Galegos e as las galerías....

 

E iso na Dictadura de Franco... El regresa a Galicia e desenvolve todos eses proxectos que, no fondo, son unha defensa da cultura galega, de Galicia... Contaba el se lle puxeran moitos atrancos?
Se un revisa a hemeroteca, o acto de inauguración do Carlos Maside, cun discurso de Rafael Dieste, estaba cheo de gardas civís.  El contaba iso moitas veces. “Si, porque aquí estábamos e estaba a Garda Civil...”. Cun tono de “agora río, pero que serio era isto”. El tamén dicía que cruzou máis de vinte veces o Atlántico cando ía a América. Todo para desenvolver estes proxectos do Castro, de Cervo e Magdalena. E iso di moito da capacidade de producción, tanto intelectual como artística de este home.

 

A elección do Castro de Samoedo non sería posible sen Carmen Arias de Castro ‘Mimina’.
Nada destes proxectos sería posible sen ela. Cecilia Díaz, que é a súa neta, a filla maior de Camilo, e mais eu fixemos unha exposición en Sada sobre ‘Mimina’ e tiven o privilexio de investigar sobre ela con acceso aos seus arquivos. Con Cecilia e con  Camilo. Tamén traballei moito con ela e teño que dicir que a súa minuciosidade, as súas dotes como arquiveira, con álbumes, álbumes e álbumes, axudoume moito no meu estudio. Ao que me pregunta, ‘Mimina’ é clave. En todo.

 

Carmen Arias de Castro tamén era unha artista extraordinaria. 
‘Mimina’ e Isaac coñécense porque a irmá de Camilo Díaz, Lolita, da clases de pintura e ela ten un talento natural para a pintura. Ela e Lolita son as únicas mulleres, ou as primeiras, que van estudar Belas Artes a Madrid. ¿Qué pasa? A súa familia era moi conservadora e o seu pai dille que pode ir algunha para ver aos seus profesores... Ela é unha crack e vai ir sacando todo. Quen está en Madrid? Isaac. O seu pai prohíbelle ser moza dun ‘rojo’ pero ela di que moza non, que casan. 

América Díaz | “No 73 nunha aldea de Sada xa pasaban películas sobre a Bauhaus, e iso dá conta da dimensión do que fixo este home”

Te puede interesar