Tras casar con ‘Minima’ cambian a capital española por Galicia. A pintura en Madrid por cerámica en Sada. Comeza “a investigar con caolins” nas cocheras da vivenda dos Arias de Castro. Os obradoiros abren en 1949 e no 53 teñen un cento de traballadores, toda unha ‘revolución’ social, económica e cultural para Sada. “Era unha empresa totalmente endogámica”, comenta América Díaz. Elas e eles adoraban a Isaac e a ‘Mimina’.
Nos seus inicios, o artista alíase cos máis acaudalados da vila, que serán os seus socios como despois o será Celtia en Magdalena, na Arxentina.
Sada está orgullosa de ter sido a escollida por Díaz Pardo. “Sempre se pode facer máis pero aí están o instituto, a avenida e o mural... El segue en Sada”.
Pero se Isaac Díaz Pardo marcou ao concello sadense, a el quen o marca son o seu pai e a súa tráxica morte a mans dos sublevados, no 36. Camilo Díaz Baliño era celtismo, cruceiros... O acervo cultural de Galicia. Pero no seu obradoiro de Santiago era espazo de tertulia, de intercambio sobre as vangardas, “e eu creo que desa mestura da cultura do país coa das vangardas europeas sae Isaac”.
Camilo, un adiantado ao seu tempo, tamén conecta ao seu vástago con Betanzos. Na cidade do Mandeo tiña familia, polos Díaz. Quizais por iso deseña varios carteis das Festas de San Roque, ou o pano do Alfonsetti. Din que incluso debuxa no Globo. Esa consanguinidade e esa pegada artística eran defendidas por Isaac en cada unha das súas visitas a Betanzos. A súa presenza nos actos organizados polos distintos movementos culturais foi constante durante todo o século XX e do Castro sairon numerosos motivos que evidencian o vencello de Díaz Pardo con Betanzos. Desde o Globo de San Roque ata o xabarín coa Cruz dos Andrade, e mesmo a representación de Antolín Faraldo.
En canto aos Díaz, nunha conferencia en 1987 con motivo do Día das Letras Galegas, el mesmo se referiu á ‘Tía Carmen’ e a súa casa da Rúa do Castro.
Trascendental será tamén a súa visita ao Pasatempo. Un artista de éxito que recorre este espazo, xa abandoado, en 1955. Por que? El quere ir ao Pasatatempo, tomar imaxes e “reclamar a súa protección”, sinala América Díaz. O artista achégase ao Pasatempo con Antonio López, escultor y exdirector da Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, e saca unhas trinta fotografías da Horta de Don Juan. Tratará, sen éxito, que se tomen medidas para evitar a súa desaparición, e mesmo se dirixe, por carta, ao Concello de Betanzos.
Dous anos máis tarde, en maio do 57, con outras imaxes, Seoane publica unha reportaxe en Galicia Emigrante, na Arxentina: ‘El Pasatiempo de Betanzos’. Un e o outro reivindican a trascendencia da creación dos García Naveira. Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane –o primeiro en referirse ao parque betanceiro como enciclopédico– son, de algunha maneira, pioneiros do movemento cidadá que, medio século despois, recorre o mundo para esixir a súa declaración como BIC.