Para a emisora de radio comunitaria CUAC FM, o 30 de xullo pasado comenzaba unha conta atrás nunha carreira a prol dunha licenza que levan solicitando á Xunta desde hai 16 anos cando se decataron da necesidade de darlle voz ao que non a tiña.
Desde unha primeira resposta de quen daquela era o conselleiro de Cultura, Pérez Varela, que lles dicía que había que esperar á aprobación dun plan técnico para emitir de forma legal á hoxe, a radio viu como si chegaba esa reordenación do espectro radiofónico aínda que dez anos máis tarde da misiva e como a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual alertaba do dereito cidadán a recibir información dos medios públicos e comerciais pero tamén dos comunitarios.
Con todo e iso, a Xunta convocaba o mes pasado un concurso aberto para optar a 78 permisos novos máis as seis do plan anterior, pero no que se excluía ás radios de fins non lucrativos sen dar explicacións ao respecto, segundo apuntaban membros da emisora.
O colectivo precisa 12.000 euros para presentarse ao concurso en calidade de radio comercial
Foi así como despois de valorar as distintas posibilidades para optar a unha das tres licenzas dispoñibles en A Coruña, CUAC FM presentará un proxecto como radio de rango comercial ao non contar con outra opción. Tamén intentarán parar o que consideran unha convocatoria que incumpre co principio de igualdade invitando á cidadanía a que reivindique o dereito a ser informada de forma plural. Desde xeito, CUAC FM terá que competir por un oco no dial con empresas de distinta natureza ca eles e sen ter máis ingresos cos que aportan os seus socios. Para materializar a súa proposta, o colectivo necesita xuntar 12.000 euros, dos que máis de 8.000 terán que ingresarse como depósito o 30 de agosto.
Por iso, os membros pedían onte a colaboración de persoas e colectivos que poderán salvalos da morte con aportacións a interese cero, que se irán devolvendo segundo recuperen os cartos e que non superarán os 200 euros no caso das empresas e asociacións e dos 160, se as doazóns proveñen de particulares.
crowdfunding
Será dentro duns días cando a firma goteo.org poña en funcionamento unha campaña de crowdfunding co fin de recoller fondos. Ademais, en CUAC FM están sendo aconsellados por expertos da Rede de Medios Comunitarios para levar a cabo as accións xurídicas precisas e animan tamén a que sexan os cidadáns quenes reclamen a falta de radios comunitarias. Na web, está dispoñible desde xa un formulario no que cada un poderá recorrer ao concurso a nivel individual presentando o documento nun rexistro. En breve, artistas e coñecidos participarán en vídeos de apoio e CUAC abrirá a súa páxina ao patrocinio dos negocios que estean interesados.
Explicaba Legido que teñen pensado falar cos partidos políticos e a Universidade pero que basearán a súa proposta no punto do concurso que non impide a presentación de calquera persoa física ou xurídica cunha idea de radio comercial na man. n