Son dous dos moitos profesionais que, a través do seu labor, contribúen á xeración de coñecemento e por tanto ao progreso da sociedade. Non son poucos os atrancos que atopan no seu camiño –como poden ser os recortes no financiamento para os seus proxectos ou a débil aposta que en moitos casos se fai por parte das instituciós e das empresas pola I+D+i– pero ás veces tamén chega algún que outro recoñecemento que, sen dúbida, supón un importante estímulo á súa actividade.
Isto é o que veñen de conseguir Laura Castro, membro do Grupo Integrado de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Esteiro, e Manuel Ferreiro, catedrático na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, gañadores da novena edición do premios González Llanos –do ámbito da enxeñería naval– e Concepción Arenal –Humanidades–, respectivamente.
Entrega
Os galardóns, convocados de forma conxunta polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña desde hai uns vinte anos e dotados con 12.000 euros cada un, foron entregados onte no consistorio ferrolán.
Laura Castro, de 29 anos de idade e natural de Betanzos, fíxose co premio grazas a un proxecto no que, xunto a outros compañeiros –como Ramón Yáñez, Vicente Díaz e Alba Martínez–, propón unha metodoloxía para a avaliación económica de parques eólicos offshore flotantes e a súa aplicación en Galicia. Un traballo que, segundo a propia investigadora, “sería interesante que servira como punto de partida para unha nova reconversión industrial na comarca e tamén que as empresas non só se centraran nos jackets –estructuras sobre as que se asentan os aeroxeneradores en augas profundas– senón tamén nos flotantes, xa que suporían unha ampliación do mercado”, manifestou. Amosou tamén o seu desexo que, co paso dos anos, o campus de Ferrol acadara convertirse nunha referencia no ámbito tecnolóxico o que permitiría, dixo, “que moitos estudantes non tivera que emigrar”.
Tamén moi agradecido co premio –no seu caso concedido polo traballo “Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa”– amosouse o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa Manuel Ferreiro, quen salientou o feito de que tanto a institución municipal como a académica sigan apostando por esta convocatoria a pesar da complicada situación económica actual. “A investigación é fundamental para o futuro que nos agarda”, manifestou.
O alcade de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a vicerreitora do campus, Araceli Torres, ratificaron o seu compromiso con esta convocatoria. O rexedor expresou a súa satisfacción por ver como unha nova investigadora, en alusión a Laura Castro, “tamén aposta por reconvertir o que non se ten reconvertido, por novas fórmulas de reindustrialización, neste caso a través da liña integral da eólica mariña”. “Agardo”, engadiu Rey Varela, “que dentro doutros vinte anos poidamos ver como todo este coñecemento nos permita amosar, se en Madrid son capaces de velo, que aquí temos moito que aportar ao sector industrial e naval”.