Xabier Maceiras | “Escoitar á xente maior para min é unha necesidade vital”

Xabier Maceiras | “Escoitar á xente maior para min é unha necesidade vital”
Maceiras, co areal do Reiro de fondo | patricia g. fraga

O escritor e historiador do Rañal Xabier Maceiras vén de lanzar a segunda parte de “Crónicas de Arteixo”, un libro baseado nas historias que escribe no seu blog, homónimo, cada semana.

Esta vila é unha fonte inesgotable de historias.

O blog Crónicas de Arteixo abrino en setembro de 2014 e neses anos van máis de 400 historias contadas. No primeiro volume de “Crónicas” foron 38 relatos e neste van 50. Este o meu terceiro libro autoeditado, despois do de Picadillo e o do polígono de Sabón, e en total é o séptimo fillo literario. Tentei ser xeneroso con todas as parroquias e que estiveran todas representadas.

 

Que temáticas abarca?

Variadísima. Afortunadamente teño xente que me conta historias en case todas as parroquias pero segundo a poboación que teña o lugar sempre dá lugar a máis anécdotas ou menos. Aquí se fala desde os achados arqueolóxicos do xacemento do Reiro (Chamín), do castro de Pastoriza, da lenda do galo de Barrañán, do Rexurdimento en Arteixo, dos naufraxios, das Casas do Concello...

Casas? Houbo varias?

O Concello actual inaugurouse nos anos 70 e o anterior derrubouse hai uns anos. Houbo varias e unha delas aínda está en pé, en Figueiroa.

O de falar coa xente maior é un dos teus traballos diarios.

É un traballo que levo facendo toda a vida, é unha necesidade vital. O Arteixo de antano está chegando ao seu fin e queda a memoria viva desa xente que o viviu, pero cando marchen só quedarán os recordos que lles queden aos seus fillos das cousas que contaban. Este é o meu gran de area para intentar que esas historias non se perdan. Ademais, este libro só polo prólogo de Miguel Sande xa val a pena telo feito.

Cara a onde avanza Arteixo?

Obviamente, non estou en contra do progreso e Arteixo vai camiño de converterse nunha pequena Coruña. O polígono fixo que Arteixo medrase e que chegase xente de todos os lugares, que quizais non tiñan o arraigo arteixán pero agora os seus fillos ou netos si. Pero sempre nos quedará o Arteixo das parroquias.

Cre que se coñece pouco esa parte máis rural?

Totalmente, hai un mundo por descubrir. Para os que non son de aquí Arteixo só é Inditex e praias, pero é moito máis e iso se reflicte neste libro.

Xabier Maceiras | “Escoitar á xente maior para min é unha necesidade vital”

Te puede interesar