O público volveu respaldar, un ano máis, o curso de pensamento Carlos Gurméndez. Arredor de 70 persoas formalizaron a matrícula na actividade que desde hai 17 anos organiza o Club de Prensa de Ferrol en homenaxe ao devandito filósofo e humanista. Baixo o título “Humor e ideoloxía en tempos convulsos”, a cita –dirixida polo debuxante Siro López e a profesora da UDC María Antonia Pérez– permite desde onte profundizar no tema desde as súas diferentes vertentes. Tamén servirá para intentar “clarificar os conceptos” arredor das clases de humor, e para reivindicar “in memoriam” a figura dun galego que chegou a ser considerado como “o pai da caricatura na Arxentina”, país ao que emigrou. Trátase de José Cao Luaces, “a quen lamentablemente en Galicia non se lle coñece”, tal e como apuntou Siro López no decurso da inauguración.
Xunto el, María Antonia Pérez salientou a traxectoria do curso tanto pola súa consolidación no tempo como polo elevado número de matrículas rexistradas ano tras ano, un éxito que en boa parte atribuíu á temática elixida. A iso engadiu Esperanza Piñeiro, coordinadora do curso, a “alta calidade” dos ponentes.
Tamén asistiu ao acto de apertura o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, que aludiu a Luis Mera como o alma mater dun curso que tamén conta co apoio, como asesor, de Germán Castro. Calvo recoñeceu a importancia do humor gráfico en tempos duros comos os actuais, asegurando que as achegas destes profesionais fai tamén que “os políticos aprendan a tomar as cousas cun pouco de humor”. A vicerreitora do campus de Ferrol, Araceli Torres, cualificou de excelente o traballo desenvolvido en todo este tempo.
Trala conferencia inicial de Siro López, que falou sobre “O humor en Galicia”, tomou a palabra Félix Caballero, no seu caso para centrarse na postguerra, sobre todo a partir de 1970, onde os expertos sitúan a “época do rexurdimento do humor gráfico en Galicia” con figuras como as do propio Siro ou Xaquín Marín. Neste último centra precisamente Caballero o programa de doutoramento que está a desenvolver na Universidade de Vigo. “Para min é un dos mellores humoristas gráficos do mundo”, dixo. Para Caballero, o humor gráfico actúa “como un bo termómetro do grado de liberdade democrática que hai nun país”.
doazón
Pola tarde estaba prevista a intervención de Xaquín Marín, que non puido acudir. No seu lugar falou Siro sobre a historia do Museo do Humor. Ademais avanzou a súa intención de doar a súa obra gráfica en prensa, que abrangue toda a época da Galicia autonómica, ao Concello de Ferrol, e a súa valiosa biblioteca ó campus.