As variantes

Camiñaba silandeiro pola estrada de saída e atopouse coa variante Este-Norte, máis adiante entra na variante da autovía e segue rodando ata que, de contado, interrómpelle o paso un camión que viña pola variante de mercancías do porto seco. Variantes para arriba e para abaixo, para a dereita e para a esquerda. Aí vai correndo, a setenta por hora, outro automóbil pola variante da retorta, polo medio e medio da estrada, mesmo antes da revolta. Vai e vén, vai e volve correndo sen parar e sen chegar. Xa non sabe onde está, non sabe en que dirección xirar, nin se é por alí ou por acolá.


Dificilmente pode orientarse ao carón do horizonte, que planea na chaira veciña, a onde se achega o solpor cada día, cada tardiña, mesmo antes da noite, que se anuncia pecha e fría. Tan fría como a alma dos viandantes, que miran para o río e observan o seu pasar paseniño, sexa de noite, sexa de día ou á mañanciña.


As variantes do Piñeiro ou do Regueiro, a onde van? E, a africana ou inglesa, que perseguen? A variante, calquera que sexa, non mellora o mal que hai. Pola contra, agranda os seus efectos, os temores e, mesmo, os virus, as mágoas da maioría e a riqueza desa minoría que, sexa como sexa, sempre gaña.


A variante da Nacional adormece ao lugar polo que impide pasar, a variante circular deixou malestar dentro e moitas outras variantes encheron de broza os camiños, os carreiros e os sendeiros. As variantes do Xestelo e do Agrelo, a onde te levan? E, a onde nos levan as variantes que tanto proliferan? Ninguén sabe nada e, ao parecer, non hai nada que saber. En todo caso, a variante non vai a ningures, é o fin, a onde moitos van para retornar, para ver ou non ver, para andar e non avanzar.


Variante Norte, Sur ou Sueste, variante do aceite refinado ou do viño de Quiroga, variante para andar amodo, para reducir o tráfico de alí ou de aquí, par vencer a enfermidade, para illarse ou perderse entre ninguén, para non falar con ninguén e non ter ninguén a quen preguntarlle ou contarlle algo ou nada.

Nada é o obxectivo. Nada de aprendizaxe, nada de coñecemento, nada de información, pouco pensamento ou pensamento en nada. Nada de falar, conversar, dialogar ou discutir. Xa o di a tía Manuela, “con estes principios, imos de mal en peor”. 

As variantes

Te puede interesar