cando suceden graves desastres naturais que afectan aos territorios e as súas economías, existe a figura da declaración de zona catastrófica, que moi acertadamente habilita programas e partidas para axudar na restauración da normalidade nese entorno afectado. Dalgún xeito, debera crearse unha figura similar para aplicar cando, en pouco tempo, temos unha acumulación de feitos, anomalías, desgrazas ou acontecementos graves, que fan que recibamos multitudes de impactos e sintamos o vértigo de vivir nunha montaña rusa.
Deseñemos, pola vía de urxencia, un protocolo de declaración de angustia. O sumatorio das tensións que a vida concentra en poucos días fai que entremos nun bucle emocional que remove sentimentos e conciencias. Casos coma o da fatalidade cruel do pequeno Julen en Totalán, que só o feito de nomealo semella que faltara osíxeno, impacta e conmociona. E pola loita dramática dun rescate titánico. A violencia de xénero continúa. Lanzarote, León e Zaragoza, tres episodios máis nunha epidemia que coma sociedade non nos podemos permitir.
As folgas de taxistas tensionan as cidades. Vox consegue voz e gañará influencia. Venezuela debuxa escenarios de enfrontamento civil. Guaidó quere entrar, pero Maduro rexeita partir. Unha sociedade enfrontada que non sabe por onde saír nunha sorte de viaxe a ningunha parte. Podemos, que chegou coma unha forza desatada que aspiraba a transformar a política, non supera unida os cinco primeiros anos e Errejón deixa de ser o último da foto da xénese, aquela dos principios. Vivo sen vivir en min. Solicito declaración de angustia. Hai motivos.
Constrúeme –díxolle El–, amásame coa luz efémera dos amenceres lentos... perfílame cos ventos salgados que son lume no gume dos afectos que afíamos, con íntima tenrura cada día... déixame ser caricia ou bico amplo na terra prometida dos teus labios...