Hai xente que ten facilidade para facerse forte ante os débiles. Aínda que sexan absolutamente servís ante os poderosos. Xente que precisa do abuso e do maltrato para xustificarse e poder sentirse vivos. Persoas que, para considerarse importantes, abusan ante os vulnerables e limitados; ante os afectados por unha fraxilidade froito da idade e das enfermidades que padecen.
Non ten explicación nin lóxica, pero hai seres despreciables que pagan a súa frustración agredindo ás persoas maiores e indefensas. Xusto aquelas mesmas persoas grazas ás que cobran un salario que lles permite vivir. Non hai dereito a que se maltrate e desprece aos maiores, que pagan por prazas de residencias para ser debidamente atendidos e respectados.
Doe ver imaxes coma estas, e resulta inexplicable e indecente que sexa tan difícil detectar, denunciar e perseguir a estes seres abxectos e covardes. Non hai maior delito que exercer a violencia amparados nunha estrutura laboral, e agochado entre a burocracia, lenta e farragosa, das administracións de calquera tipo. Pero estamos en eleccións. Novamente é tempo de esixir e de elixir. De demandar que haxa leis que protexan aos vulnerables dos abusos inxustificados dos que deberan ser os seus anxos da garda.
Falamos de persoas que construíron país e forneceron o seu tecido empresarial e laboral. Tod@s somos maiores en potencia. Dependentes en maior ou menor medida, e necesitados duns coidados e protección que faciliten a nosa calidade de vida. Unha sociedade xusta non pode permitirse a vergoña colectiva, de ver sufrir e chorar a un maior. Tamén para evitar isto, votemos.
Sentirte é unha consecuencia natural de quererte –díxolle El– unha prevención dos sentidos ante a inmensa brecha da túa ausencia... As viaxes son fondos baleiros que claman nos desertos dos afectos sen ti...