Un non pode deixar de sorprenderse cando descubre con que facilidade moitos, fan seguidismo duns pouquiños, que ademais teñen intereses importantes nun tema determinado, para conseguir desgastar a un goberno. Non son inocentes nas súas opinións. Manexan medos atávicos cos que, convenientemente manipulados e cun inaceptable matonismo verbal, agardan obter rendibilidade máxima.
Aproveitando o uso torticeiro daquela teoría do hábil manexo das algaradas e o ruído, ocupan a totalidade do espazo informativo, alertando e evitando o debate de outras voces, independentemente da súa importancia. A suma das tres dereitas, a das tres persoas distintas pero cunha mesma confluencia de intereses, gañaron posición fronte a un goberno que estivo lento e torpe. Converteron o anecdótico en esencial e espremeron ata o límite o medo que habita en todo aquilo que se descoñece.
O Goberno non explicou ben dende un principio que cousa é un relator. Que por moito que teña reminiscencias dos nomes dos antigos réptiles, non ten máis perigo que un conferenciante pesado e aburrido. Querer outorgarlle categoría de mediadores ou símbolos de rupturas de soberanías non só é enganar, senón agochar deliberadamente o compromiso radical dos socialistas coa salvagarda constitucional de España.
Pero a intoxicación funciona, e o máximo grao provén sempre das propias filas. Os mesmos que esixen lealdade nos seus territorios son os primeiros en alinearse na crítica cos partidos da oposición. E saen en tropel a denunciar ao presidente Sánchez nos medios cunha superficialidade vergoñenta e ampulosa. Logo se estrañarán de que os seus votantes lles digan que non lles representan.
Quizás sexa a distancia, acaso dependerte, asombradas feridas melancólicas –dixo El– ou predicamentos tristes, acaso esa ascua ardente de derrota ou mínimo fragmento dos teus bicos, ausentes de caricia ou de memoria...