Mobilización preventiva pola saúde

Coa saúde non se xoga, non se negocia. Velaquí a declaración de principios que mobiliza á xente sensíbel coa problemática desbordada da sanidade pública, convocada pola plataforma unitaria SOS Sanidade Pública a manifestar o rexeitamento contra das políticas e da xestión dos responsables da administración galega fronte ás consecuencias dunha práctica continuada de recortes económicos, de diminución na dotación humana de profesionais e de falta de material ou equipamentos técnicos que permitan unha atención acorde ao dereito universal á saúde; cuestión de fondo que expresará, nas rúas de Compostela, un berro de esixencia a prol da modificación dunha situación que bota auga por todos os currunchos. 
Neste tempo invernal no que proliferan os andazos de gripe, e as súas patoloxías colaterais, coa súa grave consecuencia entre os enfermos crónicos, especialmente as persoas maiores, o feito de ter valeiras áreas hospitalarias nas que se pechou a disposición de camas de hospitalización, é  demostración da irresponsabilidade a hora de darlle eficiencia ao investimento en saúde que mostra imaxes de amoreamento nos corredores de urxencias moitas veces ateigados de leitos con doentes faltos de praza na de hospitalización. Un panorama que salta a cotío ás páxinas dos medios de comunicación, sumando tamén conflito laboral que afecta ao persoal dos servizos de ambulancias xestionados por empresas privadas que se benefician así dunha actividade que é responsabilidade indiscutíbel do Servizo Galego de Saúde, neste acaso coa Xunta mirando de esguello como se non fose con ela a problemática laboral dun convenio que se amosa inxusto, no canto de promover a recuperación do transporte sanitario para atendelo directamente dende a xestión pública. Unha detrás de outra, as malas noticias ocupan, día si e día tamén, a queixa máis que xustificada, lóxica e necesaria das e dos usuarios da sanidade galega.  
Recortes de todo tipo, precariedade laboral, problemas de accesibilidade a probas diagnósticas, sobrecarga de traballo das e dos profesionais sanitarios, perda da dirección autónoma de atención primaria, mingua de financiamento, paros nos Puntos de Atención Continuada, folga no servizo de urxencia dalgún hospital de referencia, dimisións nas xefaturas de atención primaria, paros nos centros de saúde, tempo insuficiente para unha axeitada atención aos pacientes e outros motivos máis que fan causa de rebelión na sanidade galega, constitúen motivo ben dabondo para sumarse a esta mobilización preventiva para demandar un cambio rumbo na xestión sanitaria pública. 
 

Mobilización preventiva pola saúde

Te puede interesar