Pablo Iglesias volveu facer o mesmo. E por segunda vez. Impedir un goberno da esquerda dende a esquerda. Ninguén o fixera antes. Ten ese triste honor. E o que aínda é peor, cre que non é culpable. E por segunda vez. A mellor explicación da actitude de Iglesias, deuna Aitor Esteban do PNV. Díxolle que non se pode asaltar o ceo polas bravas. O ceo hai que conquistalo nube a nube.
E ademais insistiu en que era un partido sen experiencia de goberno, e que non eran razoables na esixencia. Iglesias sorprendeuse moito dalgunhas críticas, sobre todo as que chegaron de grupos que considera irmáns, como PNV ou ERC. Tiveron exceso de efectismo e a realidade estoupoulle nas mans. Sánchez debeu ter manobrado tempo antes. Pero o evidente é que non se pode pretender ser o primeiro e impoñer as túas ideas, cando es o cuarto partido en resultados. Ademais sabendo que a suma non da maioría absoluta.
Desta vez Iglesias perdeu, e moito. Adriana Lastra baixouno das musas ao teatro cunha contundencia brutal. E o impacto do razoamento, foi debullado golpe a golpe. Sánchez tirou de manual, fixo o papel de apostar polo ideario e a dignidade antes que polo cargo. Os de UP non se sabe ben a que xogaron. En todo caso marraron na estratexia e perderon no control do relato. Haberá que darlle a razón aos que dixeron que falta madurez e sobra personalismo. Iglesias e UP perderon desta vez, moito máis que ministerios. Perderon a oportunidade de facerse cribles.
Tes o don de escoitar con toda a alma –dixo Ela– non sabes ben o que levo aforrado de psicólogo. Ninguén fala coma ti –respondeu El– é doado sentirte no relato... sabes? dende o principio todo foi sempre ti e contigo...