Facendo un arremedo lingüístico, botamos man dun concepto utilizado na ciencia económica que estuda os aspectos da microeconomía, o academicamente coñecido como Teoría de Xogos coa que se aborda a interdependencia nas decisión de diferentes persoas; sempre baseados no principio de que os custos e os beneficios non están definidos de antemán, senón que dependen da escolla que fagan os demais individuos participantes na competición, cousa esta que dota á teoría analítica da catalogación de xogo. Aínda máis, nun xogo de suma cero non existe a cooperación para todos poidan acadar un nivel de máis grande beneficio conxunto. Tampouco vale que un xogador poda acumular máis beneficio do que retrae ao resto; e dicir, o que gaña un dos competidores é necesariamente o que perde o resto dos que están na partida.
Mágoa que isto non sexa exclusivo dos xogos do azar. Abofé que estamos diante dunha metáfora da realidade no mundo do traballo cambiante que nos traen os novos modelos de emprego nesta Economía de Plataforma. Un xeito de precariedade que representa unha viaxe no tempo pola que atrasamos máis dun século a respecto do panorama de escravitude e carencia do recoñecemento de dereitos cos que se foi desenvolvendo a etapa histórica da Revolución Industrial na que se forxaron grandes fortunas coa suor e a sangue da clase traballadora, o proletariado da época que agora retorna con formas e maneiras da mal considerada cuarta revolución industrial, a tecnolóxica. Certo é que non só máis dunha terceira parte dos actuais postos de traballo están ameazados de supervivencia pola extensión do modelo de produción robótica, senón que todo isto leva a unha inmolación do actual sistema de relacións laborais para ir dando paso irreparábel á dependencia dos “riders”, falsos autónomos coaccionados.
Velaí a práctica do sector bancario que muda a xestión de oficinas propias pola contratación mercantil de axentes externos que practicamente realizan a mesma función, porén sen vencello laboral. Un simil válido para esa multiplicación de plataformas de mediación que venden traballos de colaboración con disposición horaria sen límite, retribución ligada a unha función non garantida e dependencia dunha valoración polos usuarios dun servizo no que prima o menor prezo. Precariedade absoluta para o conxunto das persoas dependentes deste modelo, beneficio máximo para os titulares do sistema de mediación. Futuro terrorífico sen dereitos colectivos, condicións de inseguridade e intolerábel discriminación e acoso laboral.