Dez de marzo é data marcada no calendario con sangue obreiro de vítimas mortais da represión franquista que se cobrou, no Ferrol de 1972, a vida de dous traballadores, Amador e Daniel, nos que está simbolizada toda a clase asalariada, de xeito que corenta e sete anos máis tarde todas e todos declarámonos tributarios dunha débeda de memoria que solemnemente consagramos na conmemoración do Día da Clase Obreira Galega para afirmar sermos o froito da semente que agromou a partir daquel sacrificio operario causado por criminoso homicidio de Estado.
O anual recordo non pode esquecer ao resto dos traballadores feridos, despedidos, multados, procesados ou encadeados por decisión daquel infame Tribunal de Orde Pública. Gratitude coa mirada cara atrás para todas as vítimas dos conflitos que forxaron o movemento sindical galego e ás traballadoras e traballadores que soportaron aldraxe e persecución en diverso grado en toda esta longa etapa que suma máis de corenta anos de políticas contrarias ao interese de clase e ás pequenas conquistas acadadas, conflito a conflito, nunha dinámica parella ao progresivo desmantelamento industrial do país do que é metáfora o espello que permite ollar a comparación das cifras de ocupación laboral nos estaleiros, antes e na actualidade. Do día á noite máis escura.
Avances, pasiño a pasiño na conquista de dereitos laborais e sociais que viraron na dirección para percorrer o comiño contrario coas reformas e recortes impulsados polos gobernos, co pretexto dunha crise económica unicamente causada pola especulación financeira. De tal xeito que, visto o estudo elaborado pola European Trade Union Institute coa análise da “calidade dos traballos europeos”, avaliando dez anos pasados, o Estado español, e proporcionalmente Galiza aínda máis, amosa ser un dos tres peores ámbitos laborais entre a totalidade dos da Unión Europea. Indicadores sobre salarios, formas de emprego e seguridade laboral, tempo de traballo e conciliación das vidas persoais coas laborais, habilidades e desenvolvemento da carreira laboral e representación sindical son alertas vermellas que fan saltar todas as alarmas da xustiza social.
Diante deste panorama é inaceptábel que o Goberno escuse nos tempos electorais a súa responsabilidade en relación ao compromiso de abordar unha mudanza laboral que recupere dereitos furtados na contrarreforma anterior, limitándose só a medidas de maquillaxe por máis que sexan necesarias e xustas, trátese sobre subsidios, rexistro horario ou garantía xuvenil. Daquela, o sangue obreiro derramado está a ferver de carraxe.