Intelixencia é, na súa definición académica teórica, esa facultade humana de coñecer, de comprender e de formar ideas. É, polo tanto, un atributo da raza catalogada como persoas, aínda que tamén se admite como calidade ou característica do animal que semella posuír esa facultade polo seu comportamento. Daquela, do mesmo xeito que alcumamos intelixencia artificial para definir a capacidade dunha máquina ou dun programa informático que opera de xeito similar á mente humana, tamén consideramos intelixencia biolóxica á capacidade de adaptación ás novas situacións, para sortealas dificultades que se atopan no camiño evolutivo da propia supervivencia.
Non obstante o proceso de intelixencia non se dá de forma espontánea, a xeito de atributo divino, senón que é froito das experiencias acumuladas; e dicir, imos sumando coñecemento a coñecemento para evolucionar a novas situacións mellores. Así e todo, na mente humana colectiva o novo coñecemento, nun aparente proceso de suma e resta de neuronas do conxunto, representa un resultado neutro ao borrarse experiencias fundamentais. Un disco de memoria social limitado na súa suposta capacidade infinita. Velaí a situación mundial vivida a respecto da pandemia sanitaria provocada por esta versión vírica que marcou a historia do ano xa rematado.
Un partido perdido por goleada en favor da intelixencia biolóxica dun virus capaz de realizar mutacións con habilidade para acadar a máis grande epidemia vivida no planeta, fronte á intelixencia social dunha poboación que, malia tecnoloxía avanzada capaz de realizar cálculos de velocidade cuántica, esqueceu prepararse na reincidencia dun escenario xa vivido que agora, no seu patrón de comportamento, volveu repetirse un século despois: A chamada “gripe española”.
Certo é que calquera novo virus, ou variante doutro preexistente, non vén cun manual de instrucións debaixo do brazo para informar de como deber ser neutralizado. Porén, no caso do Covid-19 nada é novo baixo o sol. Repítese un modelo, no que conceptos e vagas son idénticos. Primeira, segunda e terceiras ondas; iso si, más estendidas e aceleradas no ámbito mundial propias do momento histórico no que está instalada a humanidade. Coa vacina como esperanza de inmunidade colectiva diante dun futuro que aínda está por escribir e continúa a ser indefiníbel.
Versión actual daquela “grippe complicada” ou “enfermidade de moda” que o balbordo xornalístico naquela época alcumou “o soldado de Nápoles”, título dunha canción incluída na zarzuela “a canción do esquecemento”, metáfora da humana memoria de peixe. Pena diso.