Rebote é unha palabra que, con total certeza, leva a imaxinación persoal ás grandes fazañas deportivas na competición do baloncesto, especialmente nesas xogadas nas que se aproveita a falta de concentración da equipa rival para furtarlles o balón e facer con el unha canastra que poda desequilibrar un resultado axustado para gañar finalmente o partido.
Sen embargo, no académico mundo das teorías económicas, o “modelo do rebote” sostén que a economía é como unha corda nun instrumento musical, as recesións son eventos negativos que tiran da corda cara abaixo, e despois diso “rebota”; e dicir, do mesmo xeito que unha corda rompe máis rápido tirando dela con máis forza, esta teoría sostén que canto máis profunda é a recesión, máis rápida é a recuperación que segue. Pero só se pode arrincar a economía nunha dirección; as expansións máis grandes non conducen a recesión máis grandes. Postura variante das teorías do ciclo económico, especialmente polo que respecta a opinión de que os auxes causan declives porque nos tempos de vacas gordas a cegueira dos xestores leva aos malos investimentos no sistema financeiro e, daquela, canto máis grande e o auxe maior é a caída que sigue no ciclo.
Vén a conto da evolución económica no entorno europeo, incluído esta parte do territorio máis cativo que habitamos nós, preocupados polo declive da produtividade, a partir da evolución que sigue o indicador do Produto Interior Bruto e da súa taxa de crecemento, por agora, coa vista posta na capacidade de manobra do Banco Central e da autoridade monetaria a respecto dos estímulos que aparentemente tocaron xa fondo e no marco dunha política fiscal que vai por barrios, competencia da cada Estado que obviamente vive o tema de xeito diferente, máis aínda dependendo da súa estratexia nas políticas de emprego. Aquí, na discusión teórica, entra outro factor que se olla de xeito enfrontado; isto é, se as mudanzas tecnolóxicas son positivas ou pola contra representan unha grave creba social no ámbito dos traballos, e por extensión como elemento negativo no sostemento do crecemento e consolidación económica.
Aínda máis, o factor de risco país na política planetaria, con certo parón no comercio e na industria das primeiras potencias globais, o prezo en aumento de combustíbeis, as tensións e conflitos incesantes, os procesos electorais en curso, a dinámica das economía emerxentes, non invitan á confianza, non. Sobreviviremos, malo será.