Co permiso da noticia de carácter político que acapara practicamente a totalidade dos espazos xornalísticos, unha vez rematado o proceso electoral e anunciado a vontade de formar goberno de vez, é hora de virar a luz do foco de cara ao grande problema da mundo actual, a emerxencia climática, evidenciada novamente en multitude de sitios e momentos aínda que sexa Venecia, como cidade icónica do turismo de masas, a que ocupe portada da prensa coas súas prazas, rúas e monumentos anegados en inundación que só os máis vellos do lugar lembran de nivel igual. Todo iso, ás portas do Cumio do Clima, a magna conferencia internacional que organiza Chile en Madrid por causa da súa revolta cidadá, contraria ás medidas lesivas en contra das clases populares deste país de América latina anunciadas polo seu goberno, logo matizas en retirada.
Coa metáfora simbólica da nena, Greta Thunberg, abandeirada universal da mocidade que está a mobilizarse activamente para forzar a reacción dos gobernos e da sociedade baixo o lema de que é “tempo para actuar”, quen viaxará nun catamarán desde o territorio norteamericano de Virxinia ata capital española, obviamente coa previa arribada a porto de amarre para o barco do transporte oceánico, nun xesto que chama á redución do custo enerxético da mobilidade humana e, consecuencia directa diso, provocando así un menor impacto negativo nos efectos de emisión de gases de invernadoiro causantes do quentamento global do planeta. Actitude persoal que se ve amplificada con algunha proposta chegada do ámbito universitario e científico en relación a medidas de futuro que poden non entenderse moi ben, caso do parladoiro realizado por Matthew Liao, director do Centro de Bioética da Universidade de Nova York, que vén de pasar por terras galegas para arengarnos sobre a utilidade de “encoller ás persoas como xeito de mitigar o cambio climático”, de maneira que reducindo a media en quince centímetros o consumo enerxético global tamén se reduciría na mesma porcentaxe cunha evidente vantaxe na futura habitabilidade.
Na axenda climática global das ideas e propostas, realizábeis ou mesmo simplemente provocadoras, aínda debe anotarse a proposta de crear un índice financeiro de sostemento ambiental para que os axentes inversores, privados ou institucionais, podan coñecer de xeito comparativo, racional, sólidos e fiables, criterios que permitan avaliar un novo modelo de entender a economía responsábel coa sociedade e co medio ambiente. Bocado de oportunidade.