Aínda que cando falamos dun robot podemos estar a referirnos a esas persoas que actúan dun xeito mecánico; e tamén, no senso figurado, á xente que non ten vontade propia e que se deixa manexar facilmente por outras persoas; o certo é que co foco do emprego mundial está a se iluminar a figura deses aparellos electrónicos con capacidade para substituír ás mulleres e aos homes na execución dalgún traballo, particularmente manual, xa que poden executar automaticamente operacións e realizar diversos movementos. Dende a óptica amábel chámase automatización; dende o universo laboral, futuro desemprego, empobrecemento e desigualdade.
Os videntes do mundo académico e sociolóxico que escudriñan nos datos das tendencia de cara aos anos vindeiros, dinnos que “centos de millóns de persoas van a perder o seu posto de traballo nos próximos quince anos e, para iso, a sociedade occidental non está preparada”. Panorama que na previsión do MIT americano representa “traballar con escenarios nos que valoran ata un oitenta por cento do desemprego mundial”. Para tomar moi boa nota do que está por vir, porque “ata o de agora, a revolución dixital fixo moito máis por reducir os ingresos das e dos traballadores e por prexudicar ás persoas con menos habilidades que por crear novas oportunidades laborais”.
Se non se remedia a dinámica actual non pode afrontarse en condicións de igualdade os procesos de aprendizaxe humano cos da considerada intelixencia artificial que, polo seu automatismo mecánico sempre opera coas pautas marcadas, ten continuidade sen interrupción e non se precisa fiscalización sobre o seu xeito de executar o mandados porque é un elemento carente de iniciativa por si, e deste xeito dócil ao servizo do interese produtivo para empresas e patronal. Así “a automatización do mercado laboral vai promover a desigualdade de non atoparse formas de redistribuír os beneficios que acumularán os propietarios do capital”.
Momento de valorar a necesidade de transformar os rendementos da robotización en carga impositiva que contribúa a manter o actual sistema solidarios de prestacións por xubilación de maneira proporcional ao capital humano retirado do sistema produtivo. Boa ocasión para enfrontar os estados de opinión que van creando un ambiente favorábel a futuras reducións das contías cobradas por pensión pública, aproveitando a intensidade informativa do momento anual no que algunhas persoas con salarios xenerosos buscan investimento en fundos de pensións para reducir a carga fiscal. É tempo de actuar.