Propósitos de aninovo que poñen a proba, cada mes de Xaneiro, a capacidade de aguante na constancia do quefacer para acadar obxectivos que, moitas veces, son os mesmos que compuxeron a listaxe da misións de vida persoal na ocasión do ano anterior; e, tamén con certeza, aínda de outros anos que precederon a estes. Aínda así, é práctica ben estendida fixarse retos de superación, corrección de erros ou emendas no comportamento que teñen o seu momento de “proba do algodón” nestes primeiros días dun tempo novo que tampouco é tal porque non deixa de ser un continúo do anterior e, quizais por iso, leva aparellado a tendencia ao esquecemento dos propósitos de emenda aos poucos días de intentar a súa realización efectiva.
Non é de estrañar que no ámbito da política institucional atopemos a mesma inercia que se dá na vida das persoas. Anuncios de novos propósitos que, pasados os días do compromiso formal e da publicidade espallada polos altofalantes da súa propaganda, fican niso: en publicidade apagada de compromisos que non se cumprirán. Todo o contrario, que probabelmente mudarán en comportamentos aínda peores dos que se comprometeran rectificar. Velaí o caso do Servizo de Partos dese hospital comarcal das terras do interior galego nos que se persiste na posición que levou ao seu peche sobre discutíbeis criterios de carácter técnico e da falta recursos humanos, porén que ten todas as trazas dunha cortina de fume ou proba de laboratorio para ver a posibilidade de facelo extensivo á totalidade dos hospitais comarcais, en diferente grao e cun calendario singularizado, para rematar por centralizalos nos complexos sanitarios das cidades.
Se reparamos no detalle fino, detrás do aparente, ollaremos unha pugna do interese mercantil privado en facerse cun bocado cada vez máis grande do negocio sanitario nunha comuñón de complicidade cos xestores públicos que van soltando anacos rendíbeis dos servizos non sanitarios, limpeza, alimentación, mantementos, seguridade e aínda coa exteriorización das probas diagnosticas, a intervención en centros concertados nunha dupla listaxe de agarda e outros aspectos que constitúen un “cabalo de troia” polo que o desembarco das grandes corporacións médicas ou das aseguradoras están a conquistar o ámbito da saúde das persoas, no entanto pola boca grande se asegura a defensa da sanidade pública e universal.
Engano, mentira no senso relixioso e moral, acredora da penitencia electoral, único xeito efectivo de amarrar o propósito de emenda.