Na linguaxe e na teoría xurídica, administrativa e política aparece con moita frecuencia e insistencia o regulamento, unha norma de carácter xeral, de rango inferior á lei, ditada por algún órgano que teña potestade regulamentaria e que queira marcar o camiño polo que deben andar os cidadáns de a pé, cando queren achegarse á administración ou fuxir dela. Os de a pé, os cidadáns normais e correntes que reciben (recibimos) o regulamento como un mazote de teixo.
A principal característica do regulamento, segundo os teóricos do Dereito Administrativo, radica en que se trata dunha norma subordinada, manifestación dun poder subalterno que, no dicir da Tía Manuela, “para defender ao poder verdadeiro, dá leña e dá estopa, tratando de conter os ímpetos da sociedade, sobre todo daquela que reclama pan, traballo e salario”.
Un regulamento para cada paso, para cada mirada, para conducir pola dereita e para que os peóns camiñen pola esquerda. Regulamento para a ordenación do territorio, para que a xente non se pare nas beirarrúas, para acceder á Universidade, para usar o parque e a piscina do lugar onde vives, para...
Outros regulamentos para que as matanzas do porco sexan ordenadas e limpas, para que os cartóns vaian ao contedor correspondente e non se mesturen co lixo orgánico ou cos plásticos. En fin, xa se sabe, un regulamento para cada caso, para cada casa e, a maioría das veces, para nada.
Vostedes, amigos lectores, cantos regulamentos coñecen? e cantos lle resultan de interese? A súa listaxe parece interminable e o seu coñecemento, imposible. Cantos, cantos se redactan e se aproban cada día, nun día calquera? Regulamentos para todo, a barullo, para que ninguén saiba de que se trata, para que a burocracia rancia e casposa se apodere dos entes administrativos, dos centros de decisión, dos lugares de produción, dos centros de saber e de formación.
Regulamento para atar corto e ben atado, para dirixir dende o poder, para a intervención política, económica e social, para aguantar, mandar e colocar ordenadamente en restras aos membros daquel colectivo que interesa, daquel pobo que se resiste ou daquel outro que mira para o futuro con ollos abertos e co peito e o corazón ao descuberto. Regulamentos a moreas para amordazar a vontade da xente, da nosa xente e de nós.