Estamos no tempo do Entroido, época de troula e de comida farturenta que comparte, certamente con desigual intensidade, o modelo tradicional da nosa xente cos modos importados do carnaval exótico chegado doutros currunchos foráneos, distantes xeograficamente e abismais no valor patrimonial, da esencia antropolóxica e da identidade do propio. Por iso, é preciso que lembremos a significación de expresións e vocábulos que dan título a esta modesta achega xornalística. Así, debe saberse que larafuza é substantivo feminino que expresa a sucidade, particularmente na cara. Por exemplo cando dicimos ten a faciana chea de larafuza logo de comer chocolate. Farelo, aparte da toponimia dun coñecido grupo de montaña no centro territorial galego, é substantivo, neste caso masculino, que define á casca esmiuzada do gran moído, separada da fariña. E dicir, ao factor descartábel do alimento humano que adoptar darse ás vacas. Cousa sucia e fea.
Daquela, se conxugamos larafuza e farelo chegamos de forma natural ao “domingo fareleiro”, inicio temperá desta festa lúdica e festiva que precede ao rito católico da coresma, período de xaxún e de penitencia, compromisos ámbolos dous de dubidoso cumprimento por mais que figuren no mandato cristiá; símbolo tamén dun tempo político de liorta electoral e dialéctica. Ao fareleiro, seguiranlle os outros domingos oleiro, corredoiro, de Entroido propiamente e, finalmente, de piñata. Polo medio, xoves de compadres, de comadres e mércores de cinza. Todo un abano, a xeito de catálogo, de símiles que poden asociarse a lideira na area do enredo na política estatal.
Aínda que o modelo choqueiro está en horas baixas, a súa figura vai ser icónica diante dun proceso de pugna nestes comicios nos que virá de fóra coa confrontación herdade dese xeito que se está a impoñer nos últimos tempos: Pouco o ningún reparo no uso da verdade, ao revés barra libre á falsa noticia; comportamento dialéctico dos fervellasverzas que buscan a hostilidade para gañar notoriedade por máis que sexa tirando do morbo e do instinto primario. Nestas vésperas do inicio formal da campaña xa se pode ollar o devalo da tendencia. Enfariñar co farelo que deixa á necesidade dunha reflexión seria e cerebral coa oportunidade chea de larafuza.
Porén, aquí é necesario fuxir dos perigos dunha dinámica que deixe fóra do discurso o interese deste noso país, das súas clases populares e da verdade porque a democracia morre cando chegan ao poder os que queren destruíla.