Desculpen que amose unha certa sorpresa, por esa vaga de medo que algúns din que debéramos ter, coma sociedade e coma civilización, por as cousas que anuncian certos partidos políticos. Vivimos en sociedades libres, onde o coñecemento e a libre manifestación do pensamento propio pasa por falar nas urnas.
Máis alá da prevención, os principios de acción-reacción entran dentro das dinámicas básicas dos movementos sociais. E creo nas ideoloxías coma latexo fundamental que sempre nos impulsa. Nunca fun afeccionado ás antoloxías das traxedias. Nin fanático dos contos de terror, máis alá dos clásicos de Poe, Lovecraft ou Stephen King.
Tamén tentei sempre de non comungar con rodas de muíño. Máis alá da incomodidade intelectual pola apelación aos instintos elementais e pola repetición de fachadas telón que non soportan detrás nin arquitecturas, nin argumentarios, procuro non facelos maiores do que pretenden ser. Penso que os medos existenciais dos que se falan, só ameazan o imaxinario das sociedades imperfectas, invertebradas e débiles.
Somos un pais resultado de moitas experiencias traumáticas e seguimos adiante con organización, estrutura, equilibrio, garantías e seguridades xurídicas. A escala mundial a multiplicación de partidos, ideoloxías, agrupacións de electores ou de defensores de múltiples causas, chegaron para quedarse e os imperios das maiorías absolutas, tocaron ao seu fin.
Os resultados electorais, son decisión soberana da cidadanía no pleno exercicio dos seus dereitos. Os partidos políticos, farían ben en acadar unha nova sección áurea, un novo pacto social, que elimine os espazos de populismo e demagoxia. O voto, é sempre o mellor antídoto contra o medo.
Sentirte é unha maxia poderosa –dixo El– que elimina a ferida do naufraxio e a desidia de saberse recorrente. Acaso un verso puro de fogueira, un abrazo de abrigo, ou unha liña protectora de fronteira...