Enfrontar a situación de emerxencia climática é asunto que nos atinxe a tódalas persoas, tanto no ámbito da nosa representación política e institucional polo que representa de necesarios acordos, planos de actuación e dotación de recursos económicos na finalidade de evitar o quentamento global do planeta; e, polo tanto, asegurar a habitabilidade futura da Terra, como tamén no eido das pequenas accións individuais. Daquela, estando como estamos, diante dun dos momentos do ano no que a sociedade occidental, a rica, fai malgasto dos seus recursos, unha simple cerimonia festiva que nos chega do corazón da Galiza rural, organizada por un proxecto comunitario de recuperación e posta en valor da cultura e medio ambiente galego, conmemorativa do Solsticio de Inverno, é ocasión para reflexionar sobre a necesidade de trocar certos hábitos de consumo.
Por iso, Eiradaxoana, quere festexar “o ano que nace, os días que empezan a medrar, o frío que vén reparador e preciso”, celebrando o poder estar e gozar da compaña da xente boa que se achega ata a plena natureza, con recordo para os defuntos que forman parte esencial do noso patrimonio de memoria colectiva, e facer todo iso ao carón la luz agarimosa do lume aceso sobre madeira do país collida dos refugallos e botando bocado dos produtos naturais que medran na contorna, preto do lugar; e dicir, facendo “todo o contrario da moda, do malgasto na luciría cegadora, da música estranxeira, dos costumes importados, da comida sofisticada, do tabú do pasamento e do consumo desbordante” para a que a festa sexa máis ecolóxica, natural e galega.
Velaquí un xesto que muda conciencias porque é posible neutralizar o consumismo interesado, creado artificialmente a favor do interese mercantil das grandes corporacións empresariais en base a figuras sen tradición histórica precedente entre nós, caso do Papá Noel, e da importación de simbolismo cosmopolita do estilo da árbore de Nadal co seu feixe de elementos decorativos que para nada aportan á personalidade cultural do país. Aquí, se cabe, gozaría de máis utilidade facer caso a un creativo chío que circula pola rede de internet: Arrinca un eucalipto polo Nadal.
Boa ocasión para reparar no estudio “Anatomía do noxo”, de William Miller, e da súa esencia cultural ou innata, asunto en controversia científica, como xeito de afrontar a reacción diante do lixo producido como resultado do abuso no consumo de recursos esenciais no equilibrio climático.