Sempre ligamos aquelo das perturbacións ás viaxes en avión. Ás molestísimas sacudidas e movementos bruscos que acaban por meternos un certo grao de temor no corpo. Sen embargo, en todos os ámbitos sucede e cando detectamos ese son que non cadra, esa imaxe que está fóra do seu sitio, percibimos a distorsión que non sabemos ben de onde xorde, pero que xera incertezas e agudiza as disonancias. Algo non soa ben na execución orquestral á que asistimos. Non sei se son os metais ou son as madeiras, pero algo non vai no tempo ou no compás.
As relacións entre ERC e PSOE para formar goberno, ten máis obstáculos que avenidas de aproximación. Algúns xogan a que pareza que non ceden e outros a que non aceptan imposicións nin chantaxes. Os ansiados acordos esgotan prazos entre decisións xudiciais, conflitos de intereses, congresos de partidos e cálculos permanentes de beneficio e custe.
Asistimos a excesos violentos que sorprenden aos que lembramos as revolucións pacíficas con caraveis nos fusiles. Chegan novas disonancias en forma de sentenzas, que neste caso producen friccións dolorosas, entre as xustizas europea e española. Asoman como consecuencia posicionamentos tan radicais e peregrinos, coma o spainxit, un brexit á española. O recurso favorito daqueles que prefiren romper en lugar de restaurar. Matar ao mensaxeiro sempre foi un doado recurso, e tremendamente inxusto, que nunca resolveu ningún problema. Neste inverno de temporais, lembro aquela frase da a obra teatral A Cea, entre Tayllerand e Fouché, na que afirmaba que a chuvia sempre fora contrarrevolucionaria. Deixemos que chova. Nunca se sabe o que puidera resolver.
Regresar é unha urxencia convencida –dixo El– con indicios furtivos de mudanza e versos que abren mares, no fondo de buguina dos teus ollos. construír momentos libres de condenas e códigos, para nunca perder os tempos que sentimos...