Arqueiro, substantivo masculino e tamén feminino que niso non existe diferenciación por causa do xénero de quen realice a función, é expresión que fica coxa no dicionario da lingua ao ser reducida a dúas únicas significacións: Soldado de arco e frechas, na súa primeira acepción; e, tamén, deportista que practica o tiro con arco. Ámbas as dúas non inclúen a faena que se ten encomendada un grupo de catro “profesionais” que por mandato da Xunta de Galicia realizarán gardas nocturnas na cidade de Lugo para a localización das partidas de xabarís que se achegan ás rúas urbanas na procura de sustento; e, unha vez avistados, “acordoarán a zona co apoio das forzas de seguridade” para tentar abater aos porcos bravos invasores mediante “frechazos”.
Sostén o voceiro do Goberno galego que “este método de caza, moito máis seguro e rápido, evita o emprego de armas de fogo durante a noite e que os propios animais se disperse co balbordo creado polo ruído”, iso si, coa limitación de non actuar no centro urbano. Un retorno ao modelo medieval de caza que, para o colectivo de persoas consagradas á defensa dos animais, semella “unha ocorrencia de taberna”, lembranza doutras fracasadas experiencias similares que remataron por evidenciar o “ridículo” da iniciativa á vez que unha absoluta frustración co método de caza.
Velaí, unha nova profesión nestes tempos de sofisticada tecnoloxía electrónica, esta misión de arqueiro á caza do xabaril estragador que vai ser obxecto dese frechazo totalmente oposto ao simbólico que se asocia á figura dese anxiño que procura cravar os sentimentos de namoramento entre parellas, xustamente o que vén de celebrarse nestas coincidentes datas co interesado e comercial Día de San Valentín, colocado como tal cada 14 de Febreiro, que resulta ser unha fraude a respecto do santoral católico que guindou esta referencia a santos mártires da antiga Roma; de xeito que dende 1969 este día está dedicado aos Santos Cirilio e Metodio de Tesalónica; aínda que o mundo dos negocios non teña reparado nesta contradición coa que poda botarse por terra un suculento negocio creado arredor dos agasallos de tal efeméride.
A cousa vai de consumismo. Mantense esta dedicatoria entre outras referencias que, apelando a sentimentos amábeis e afectivas, tiren da carteira ou da tarxeta de creto para facer caixa. É faena dese arqueiro simbólico, signo de Saxitario, que une corazóns ou mata xabarís. Ambivalente.