unha das consecuencias máis relevantes do asalto ás nosas vidas pola tecnoloxía da comunicación, no ámbito da rede de internet, é a capacidade de acceder a unha manchea de información. Unha auténtica fartada de noticias que, nalgún caso con malévola intención ou perverso interese, é puro alimento tóxico. Velaí está unha das palabras que teñen sido obxecto de consideración como vocábulo do ano, as “fake news”, na súa expresión en lingua inglesas, é dicir as noticias falsas. Fenómeno incrementado polo factor multiplicador que representa o mundo das redes sociais; creando espazos de credibilidade en función das tendencias, gustos persoais e ideoloxía do receptor, facendo del un consumidor fácil para a información adulterada ou pura trola.
Certo é que, en máis dunha ocasión, por veces é difícil distinguir o falso do verdadeiro. Iso de que a realidade supera, con frecuencia, á pura ficción é un feito indiscutíbel e próximo polo que ten a ver con informacións nacidas aquí, no país que habitamos nesta terra atlántica. Vexamos dous casos, con efecto diferente. No primeiro, unha construción orixinal de carácter retranqueiro que informaba dunha suposta situación na que os rapaces que axudaban na misa dunha parroquia do rural galego encheran o botafumeiro con herbas de marihuana, saltou a medios de prestixio da prensa estatal como noticia críbel. Pola contra, aquela singular decisión dun rexedor galego que quinquenios atrás, ordenou a detención e posterior encadeamento no depósito municipal dunha vaca que consideraba estar pastando en solo público, non mereceu de entrada a consideración de veracidade; ata que a deriva posterior do asunto, facendo que a policía municipal tivese que muxir á res no entanto decidiu poñela baixo a custodia doutra veciña, tema que deu moito de si porque a cousa finalizou en sendas reclamacións, da depositaria e dono, pedindo compensacións que remataron por sangrar á facenda municipal. Un esperpento que fai dubidar do relato, abofé.
Porén, a tecnoloxía que creou o problema chega ao rescate da credibilidade na información coa posta en marcha dunha aplicación que vai facilitar o seguimento da “trazabilidade” das noticias a xeito dunha calculadora que outorga nota a varios parámetros: Fonte da nova contada, autor do relato, a causa que leva ao medio a incluíla na súa oferta, a política editorial do xornal, os documentos de reforzo que pode achegar, o contexto e a data. Peneira tecnolóxica de transparencia informativa e confianza.